Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Alba Arias e Marco Veiga báñanse en ouro no Campionato de España de Enduro

05 DE MAYO DE 2025

A rider da Selección de Galicia e o do Ciclos Quintena conseguiron en Sant Hilari Sacalm os seus primeiros títulos Elite. Mauro González e Santos Lemos, gañador e segundo clasificado en Máster-30B

Alba-Arias-e-Marco-Veiga-bananse-en-ouro-no-Campionato-de-Espana-de-Enduro

A 1.000 quilómetros de Galicia, o Enduro da nosa comunidade reivindicouse con tres medallas de ouro no Campionato de España celebrado este domingo no municipio xerundense de Sant Hilari Sacalm. As coroas estatais Elite conquistáronas por primeira vez na súa traxectoria como riders a arteixá Alba Arias, coas cores da Selección de Galicia, e o naronés Marco Veiga (Ciclos Quintena). Ao máis alto do podio tamén subiu Mauro González, representando ao Salvaterra de Miño, como gañador Máster-30 B, grupo de idade no que o segundo posto o obtivo o porriñés Santos Lemos (Grupeta Pan de Zarko).

O Enduro galego pechou cun póker de metais un día moi complicado. Importantes tormentas fixeron acto de presenza no circuíto do V Enduro Guilleries, un trazado que en seco xa resultaba técnico con treitos rochosos, moi empinados e longos. A organización decidiu cancelar por motivos de seguridade o primeiro dos cinco treitos cronometrados e o no terceiro non se tomaron tempos na competición feminina.

imagen

A esas condicións adversas sumouse un problema mecánico que Alba Arias detectou pouco antes de tomar a saída. A corredora elite do combinado dirixido pola seleccionadora Eva Castro e a súa man dereita Luis Manovel rompera un freo o día anterior. O contratempo parecía que quedara solucionado na véspera, pero non foi así.

“Quedaban 8 minutos para saír e o freo non ía. Óscar, o mecánico, colleu o freo enteiro da bici que trouxo Eva e montouno outra vez. Todos os rapaces da Selección puxéronse a axudar e eu estaba dos nervios. Arranquei a tempo e tiven que levar unha chave para regulalos ao meu gusto porque tiña que encontrarlles o punto”, comenta a rider elite.

Grazas ao traballo do persoal da Federación Ciclismo Galego e dos seus compañeiros da Selección de Breogán, todo quedou nunha inesquecible anécdota: “Na primeira baixada cronometrada sentinme moi rápida e moi firme. A partir de aí, con esa seguridade de telo feito ben, xa tirei para adiante”. Arias rematou terceira na clasificación scratch, por detrás das irmáns asturianas Menéndez, ambas da categoría sub-23, a 56 segundos de Cristina e a 2 segundos de Natalia, e venceu entre as elite.

O seu primeiro maillot rojigualda acadouno por 18 segundos de marxe sobre a zamorana Sara Yusto (Lácteas Cobreros) e mellorando en 21 segundos o rexistro final da catalá Mar Soler (Sendicat del Pedal). “Empezou a chover no penúltimo tramo e había moito barro, diferente ao de Galicia porque se esvaraba por todas partes. Aí intentei asegurar velocidade sen fallar moito. Saíume bastante ben e o último, no máis curto de todos, tratábase de asegurar facéndoo o mellor posible para chegar ben ao final”, analizou a súa actuación Arias logo de conseguir un dos seus grandes obxectivos como ciclista: “Estou moi contenta e con gañas de máis”.

imagen

Unha meta que levaba anos perseguindo tamén a alcanzou Marco Veiga nos elites. Podio nas anteriores catro edicións do Campionato de España de Enduro, esta vez o rider de Narón reinou na gran cita do calendario estatal. O actual líder da Copa de España gañou con 7 segundos de vantaxe a Édgar Carballo (Carballo), defensor da coroa, que tivo que conformarse coa prata. O terceiro posto elite e scratch correspondeu a Borja Pérez (Comunitat Valenciana), a 31 segundos do piloto do Ciclos Quintena, e David Fernández (Selección de Galicia) terminou 14º.

imagen

A un paso de pisar o caixón na categoría júnior quedou Leo Álvarez, cuarto a 6 segundos do bronce. O segundo clasificado na xeral da Copa de España demostrou o seu gran estado de forma, pero viuse penalizado por un choque cunha árbore, un incidente no que se deixou uns segundos de ouro.

Outro sobranceira actuación coa camisola da Selección de Breogán rubricouna André Martínez, sexto nos sub-23 despois de marcar o segundo mellor tempo nos dous últimos treitos. O Enduro catalán, con catro representantes entre os cinco primeiros, sacou proveito de ‘xogar en casa’. Nesta mesma categoría, o combinado autonómico galego presentou a catro pilotos máis. Manuel Loureiro concluíu 14º, un posto por diante de Jorge Pérez, mentres que Hugo Rosendo abandonou por mor dunha caída que lle provocou molestias nun ombro e Raúl Romero tivo que retirarse debido ao rebentón dunha roda.

A actuación do combinado autonómico completouse coa 11ª praza de Mario Barreiro e a 21ª de Miguel Blanco na competición Cadete. A seleccionadora Eva Castro destaca “a boa actitude” de todos os compoñentes do equipo autonómico e que “o principal era volver todas a casa sans” dada a complexidade do trazado. “Hai que seguir pelexando para que todo mellore e o Enduro galego volva estar onde se merece”, apunta como reflexión final. 

En canto aos grupos de idade Máster, a nosa comunidade asinou un dobrete nos 30B. Mauro González impúxose por 7 segundos a Santos Lemos. Os dous entraron no top-10 scratch, noveno e décimo, e estiveron a outro nivel dentro da súa categoría, deixando ao terceiro clasificado a 1 minuto e medio. 

imagen

Clasificacións

GALERÍA DE FOTOS

Alba Arias e Marco Veiga báñanse en ouro no Campionato de España de Enduro
Alba Arias e Marco Veiga báñanse en ouro no Campionato de España de Enduro
     
   

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es