Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Recital galego na Copa de España de Pump Track en Aínsa con 15 podios e scratch de Sergio Veiga

07 DE MAYO DE 2025

Nove riders da nosa comunidade chegarán coa camisola de líder a Mondariz, penúltima cita puntuable

Recital-galego-na-Copa-de-Espana-de-Pump-Track-en-Ainsa-con-15-podios-e-scratch-de-Sergio-Veiga

Foto: RFEC

Unha semana despois de exhibirse na pista barcelonesa de Premiá de Mar, o Pump Track galego superouse o pasado sábado no municipio oscense de Aínsa. Quince riders da nosa comunidade subiron ao podio no terceiro evento da Copa de España, con cinco presenzas no chanzo máis alto e nove líderes na clasificación xeral a falta de dúas citas puntuables. Este recital encabezouno o sub-23 Sergio Veiga (Pontebike) ao establecer o mellor rexistro da xornada.

O autor do tempo scratch entre unha centena de participantes detivo o reloxo en 17 segundos e 570 milésimas. O naronés Veiga bateu por 148 milésimas a outro corredor do conxunto de Ponteareas, ao júnior Malo Dusseau. O dobrete galego impediuno a júnior catalá Berta Martínez (BTT Valls), que se encargou da mellor marca feminina (21”087) por diante de dúas representantes do noso Pump Track: a cadete Paula Rodríguez (Val do Ulló) quedouse moi preto do mellor 'crono' absoluto, a 124 milésimas, e a elite Yuli Paola Rey (Kiwi Atlántico – Craega) fixo na súa mellor quenda 21”892.

As outras dúas vencedoras das súas categorías chegadas a Aínsa dende a nosa comunidade foron a alevín Eva Vilas (Farto) e a máster-50 Rosa María López (Maese Ourense). Os dez podios restantes corresponderon a Daniela Vilas (Farto), segunda nas cadetes; Sarela Rúa (Maese Riders) e Candela Rodríguez (Val do Ulló), segunda e terceira nas infantís; Leo Díaz (Pontebike), terceiro nos alevíns; Sofía Núñez (Ribadumia), segunda nas principiantes; Noel Vidal (Val do Ulló), segundo nos promesas 7-8; Sofía Casal (Val do Ulló), segunda nas promesas 7-8; Iván Rial (Bentraces), terceiro nos máster-30; Alberto Manuel García (Maese Ourense), segundo nos máster-50; e Antonio Piñeiro (Maese Ourense), segundo nos máster-60.

A seguinte proba da Copa de España será a de Mondariz, o 28 de xuño, e nas instalacións de Pump Track deste concello pontevedrés presentaranse como líderes por parte galega Yuli Paola Rey, a sub-23 Alba Fernández -ausente en Aínsa-, Sergio Veiga, Paula Rodríguez, Eva Vilas, Sofía Núñez, Iván Rial, Rosa López e Antonio Piñeiro.  

Máis información

     
   

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es