29 DE MAYO DE 2025
Fotos: Noelia González / Concello de Ares
A edición do 2025 da Copa de España de Enduro viviu o seu quinto e último capítulo este domingo 25 de maio coa celebración da Montefaro Enduro Race, que tivo lugar nos municipios coruñeses de Ares e Mugardos, onde o naronés Marco Veiga (Ciclos Quintena) e a aragonesa Marta Jordán proclamáronse vencedores da xeral absoluta do circuíto estatal. No que respecta ao triunfo parcial, foi para os dous vixentes campións de España: o elite Veiga e a sub-23 asturiana Cristina Menéndez (Cuetos Bike). Un total de trece riders galegos subiron ao podio, catro deles como gañadores no evento organizado polo Club Pulpeiros Mugardos.
A proba coruñesa contou cunha inscrición de preto de 200 participantes que tiveron que enfrontarse a un trazado de 36,3 quilómetros con algo máis de 1.100 metros de desnivel, que incluía cinco tramos cronometrados que depararon paraxes inesquecibles co mar de fondo.
Marco Veiga, ademais de pór a guinda ao seu triunfo na xeral da Copa de España, ofreceu un auténtico recital ao establecer o rexistro scratch en todos os parciais. Percorreu os cinco tramos nun tempo de 14 minutos e 50 segundos, 20" máis rápido que o segundo clasificado, o aragonés Juan Gabriel Torralba (OB Racing), que parou o reloxo en 15’11”. O podio elite e absoluto completouno o valenciano Borja Pérez (Eagle Patrol), cun acumulado de 15’16”.
Entre os dez primeiros na clasificación absoluta metéronse outros catro galegos. O elite Kevin Méndez (Rocasport Giant) fixo cuarto, David Fernández (Avanza - O Porriño) ocupou a sexta praza scratch e a quinta elite, André Martínez (Avanza - O Porriño) rematou noveno e terceiro mellor sub-23, e Hugo Rosendo (Cerdedo-Cotobade) obtivo a décima posición e a cuarta sub-23.
O Pulpeiros Mugardos acadou o segundo posto júnior por medio de Leo Álvarez, que se quedou a 12,4" do catalán Aniol Arbones (Fornells de la Selva), tanto na Montefaro Enduro Race como na xeral da Copa de España.
En canto aos grupos de idade Máster, os pilotos galegos colleitaron tres vitorias, outras seis presenzas no caixón e un título da Copa de España. Nos 30, Mauro González (Salvaterra) finalizou segundo e Santos Lemos (Grupeta Pan de Zarko), terceiro. Esas mesmas posicións correspondéronlles na xeral. Nos 40, Borja Caneiro (Rocasport Giant) impúxose por diante de Pedro Dapena (Ciclos Quintena), terceiro no ranking da Copa. A tripla da nosa comunidade selouna Fermín Leira (Pulpeiros). Nos 50, tamén houbo pleno do noso Enduro: Marcos Valbuena (VK Bikes) superou a Luis Castro (Camaleones Narón-Bike) e a Jorge Antonio Dans (DH Galicia), segundo e terceiro, respectivamente. Jose Ernesto Camesella (Monteboi Bike) mantivo o terceiro posto na xeral do certame estatal. E nos 60, o triunfo de Antonio Lago (X Bikes) outorgoulle a camisola de líder.
A colección de podios autonómicos inclúe un nos cadetes. Mario Barreiro (Cerdedo-Cotobade) rozou a vitoria ao terminar segundo a tan só 1,5" do rapaz máis rápido, o catalán Mael Massoutie (Fornells de la Selva).
A competición feminina ofreceu un fermoso pulso entre as irmás sub-23 Menéndez, que finalmente caeu en favor da campioa de España, Cristina, que cun tempo de 18'17" bateu por por catro segundos a Natalia. A elite e gañadora da Copa de España, Marta Jordán, concluíu terceira cunha marca de 20'39".
Máis información e clasificacións
BTT
BTT
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
BTT
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es