Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Lorena Patiño e Jorge Aguín vencen na Copa de España XCO de Alpedrete

22 DE ABRIL DE 2024

Alejandro García fixo segundo nos juniors. Diego Álvarez anotouse a vitoria máster-30 por diante de Daniel García no Maratón de Jerez de los Caballeros.

Lorena-Patino-e-Jorge-Aguin-vencen-na-Copa-de-Espana-XCO-de-Alpedrete

Fotos: RFEC

A Copa de España de Cross Country Olímpico regresou esta fin de semana, tras un parón de máis dun mes, con dúas vitorias e un segundo posto para o noso XCO. A júnior Lorena Patiño (XSM) e o máster-40 Jorge Aguín (Moto Bike) impuxéronse nas súas categorías no Gran Premio Internacional X-Sauce– VIII Trofeo Excmo. Ayto Alpedrete. Nesta terceira proba do certame estatal, Alejandro García (Academia Postal - Maceda) finalizou segundo nos juniors.

A carreira júnior feminina arrancou no circuíto madrileño con Mónica Estrada logrando unha vantaxe superior aos 20 segundos sobre as súas rivais, pero a corredora de La Nucía-BH viu como Lorena Patiño, indo de menos a máis, ía diluíndo a súa renda. A marinense recortou medio minuto por volta, adiantando a Estrada no último parcial para anotarse a súa primeira vitoria na categoría xuvenil da Copa de España. A súa compañeira de equipo Marta Estévez obtivo a sétima posición e Aroa Otero (Supermercados Froiz), a oitava. 

Lorena Patiño competirá a vindeira fin de semana na UCI Júnior Series de Heubach (Alemania), onde tamén estará o júnior Alejandro García. O actual campión de España xuvenil repetiu en Alpedrete o resultado da anterior cita do certame estatal. O carballinés fixo segundo, a 1'23 do gañador Hugo Franco (La Nucía-BH), que rodou en solitario á fronte da proba desde a segunda volta. Outro representante do Academia Postal - Maceda, Marcos Rodríguez, acadou o quinto posto na carreira cadete. 

imagen

Os dous líderes galegos nos grupos de idade Máster correron sorte dispar. Jorge Aguín sumou a súa terceira vitoria desta campaña na Copa e mantense invicto no máis alto da xeral máster-40. Pola contra, Manuel Ángel Parada (Xesteiras) sufriu un problema mecánico que lle obrigou a abandonar no inicio da proba e perdeu a camisola de líder máster-30. O seu compañero de equipo Samuel Baña fixo sexto. 

Os outros dous top-10 galegos en Alpedrete corresponderon a Irene Trabazo (XSM), oitava nas elites, e a Xiana Seijo (Caimanes Betanzos), décima nas cadetes. A Copa de España XCO Cofidis volve tomarse un descanso dun mes e medio para o 9 de xuño viaxar a Zaragoza.

imagen

XCM

A Copa de España de Cross Country Maratón completou o seu bloque de tres fins de semana consecutivos con competición. Ao igual que na anterior xornada, Diego Álvarez adxudicouse o triunfo máster-30. O tudense do VBikes, décimo na táboa absoluta, consolidou na Templarios UCI MTB Race Jerez de los Caballeros a condición de líder no seu grupo de idade. Por 1'28 segundos bateu a Daniel García (Xesteiras) e un problema mecánico de Manuel Casuso (Xesteiras), sexto finalmente, impediu que o podio fose 100% galego. 

Despois deste desafío de 85 quilómetros na provincia de Badajoz, a Copa de España XCM fai un alto ata o G.P. Sierras de Matarraña do 12 de maio en Teruel. 

imagen

Máis información Copa XCO

Máis información Copa XCM

 

GALERÍA DE FOTOS

Lorena Patiño e Jorge Aguín vencen na Copa de España XCO de Alpedrete
Lorena Patiño e Jorge Aguín vencen na Copa de España XCO de Alpedrete
Lorena Patiño e Jorge Aguín vencen na Copa de España XCO de Alpedrete
 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es