Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Alejandro García triunfa ao máximo nivel internacional no circuíto alemán de Heubach

29 DE ABRIL DE 2024

Lorena Patiño, cun noveno posto, tamén brillou nesta cita das UCI Junior Series

Alejandro-Garcia-triunfa-ao-maximo-nivel-no-circuito-aleman-de-Heubach

Resultado histórico para o ciclismo galego. Alejandro García conquistou este domingo un dos grandes circuítos do Cross Country Olímpico mundial. O carballíñés do Academia Postal - Maceda conseguiu en Heubach (Alemania) a súa primeira vitoria nas UCI Junior Series. Outra campioa de España da nosa comunidade, a marinense Lorena Patiño (XSM), tamén protagonizou unha sensacional actuación ao rematar novena. 

A relevancia do triunfo asinado por Alejandro García ilústraa un dato. Entre os dez primeiros clasificados contabilízanse oito nacionalidades diferentes. O primeiro gran éxito internacional do actual campión estatal júnior chegou nun escenario con tanta historia como dureza. O ourensán rodou sempre no grupo dianteiro e o ataque definitivo lanzouno na última subida. 

Cun tempo de 1 hora 2 minutos e 33 segundos, o representante do Academia Postal - Maceda anotouse a vitoria con 1" de vantaxe sobre o austriaco Anatol Friedl. Nun final moi axustado, o terceiro posto correspondeu ao suízo Noel Toth, a 13" do gañador. Esta proba na que participaron varias seleccións estatais completárona un total de 88 bikers.  

Alejandro García xa contaba con experiencia nas UCI Junior Series, un circuíto de carreiras no que se estreou Lorena Patiño. A corredora de Marín, no seu primeiro ano como júnior despois de proclamarse dúas veces campioa de España cadete, presentouse no XCO internacional cun top-10. Dende a saída foi remontando posicións ata terminar novena, a menos dun minuto e medio do podio. Só a República Checa contou con dúas ciclistas entre as dez primeiras. 

Citas UCI en Portugal

Antes de subirse ao avión rumbo a Alemaña, Patiño obtivo un triunfo da clase UCI C1 o pasado o xoves en Portugal. A do XSM adxudicouse o XVIII BTT XCO de Vila Franca e na mesma carreira a súa compañeira de equipo Marta Estévez finalizou cuarta. Neste evento que se celebrou en Viana do Castelo, coincidindo coa festividade do 25 de abril no país luso, tamén se moveron nas posicións de cabeza as elites Lara Lois (RG Bikes) e Irene Trabazo (XSM), cuarta e quinta respectivamente, e o elite Saúl López (Academia Postal-Maceda), oitavo clasificado.

O calendario internacional en Portugal continuou este domingo con outro evento UCI C1, en Lousada, onde se rexistraron dous podios galegos. Lara Lois acadou o terceiro posto nas elites, idéntico resultado que Aroa Otero (Supermercados Froiz) nas juniors. Pola súa banda, Saúl López concluíu sexto na carreira raíña masculina. 

Clasificacións 

 

 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es