Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Alba Fernández e Sergio Veiga asinan segundos postos na Copa de España de Pump Track

25 DE ABRIL DE 2024

A cadete Ainoa Posada, o alevín Daniel Díaz e o principiante Leo Díaz conseguiron os outros podios galegos en Premiá de Mar

Alba-Fernandez-e-Sergio-Veiga-asinan-segundos-postos-na-Copa-de-Espana-de-Pump-Track

Dúas semanas despois da súa apertura en Monzón (Huesca), a Copa de España de Pump Track regresou o pasado domingo en Premiá de Mar (Barcelona) e de novo contou con protagonismo galego. O sub-23 Sergio Veiga (Pontebike) e a júnior Alba Fernández (Val do Ulló) fixeron segundos na súa categorías e nas clasificacións scratch. A colleita de podios da nosa comunidade completárona a cadete Ainoa Posada (Lynalfa-Ponteareas), o alevín Daniel Díaz (Val do Ulló) e o principiante Leo Díaz (Val do Ulló).

A camiseta de líder sub-23 do certame estatal non a puido manter Sergio Veiga. O rexistro que marcou na súa mellor quenda, 20 segundos e 191 milésimas, rebaixouno un rider da súa categoría, Esteban Abad (BMX School Zaragoza), que detivo o cronómetro en 18"681 na segunda das tres mangas. Tras este resultado, os dous corredores que tamén comandaron a táboa absoluta do G.P. Marina Port Premiá empatan a puntos na xeral, pero o maillot da Copa de España vaino lucir o aragonés a vindeira xornada.

A mesma situación deuse na clasificación scratch feminina. Os dous mellores tempos establecéronos riders da mesma categoría, neste caso juniors. Alba Fernández, cunha mellor marca de 22"552, quedou a menos de 1" da xuvenil aragonesa Ruth Abad (BMX School Zaragoza), repetíndose o acontecido en Monzón. 

Máis segundas prazas sumaron a cadete Ainoa Posada e o alevín Daniel Díaz, idénticas posicións que ocupan na xeral. Pola súa banda, o principiante Leo Díaz terminou terceiro e continúa segundo no ranking. Ao balance do noso Pump Track na provincia de Barcelona hai que engadir o cuarto posto elite de Fabio Jorge (Pontebike), o noveno infantil de Arón Porto (Pontebike) e o sexto nas Promesas de 7 e 8 anos de Álvaro Costas (BMX Cromoly). 

A terceira das seis citas desta Copa de España está fixada para o 25 de maio en Aínsa (Huesca). 

 

Máis información

 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es