Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Saúl López non dá opción no XCO Kiwi Atlántico

06 DE MAYO DE 2024

Dous cambios de líderes na cuarta xornada da Copa Galicia de Cross Country Olímpico

Saul-Lopez-non-da-opcion-no-XCO-Kiwi-Atlantico

Fotos: Luz Iglesias

Dende o ano da paréntese por mor da pandemia, Ribadumia converteuse nunha cita ineludbile do Cross Country Olímpico galego. Catro temporadas e mesmo número de edicións do XCO Kiwi Atlántico, a proba que este domingo exerceu de cuarta xornada puntuable da Copa Galicia. Baixo a chuvia, o elite Saúl López (Academia Postal - Maceda) estivo intratable e dúas categorías cambiaron de líder. 

O circuíto ao redor da planta da empresa Kiwi Atlántico presentou unhas condicións ideais para que os 260 inscritos desfrutaran da especialidade olímpica do BTT. Nin a auga caída estragou o excelente traballo realizado polo Club Ciclista Ribadumia. Un percorrido selectivo e no que case todos os gañadores da xornada estableceron diferenzas importantes. 

imagen

Na súa segunda presenza desta temporada na Copa Galicia XCO, o monfortino Saúl López volveu cumprir co cartel de favorito. Gañador en Ribadumia no 2022, nesta ocasión completou a primeira das cinco voltas xunto ao líder elite Rubén Deaño (Ourense Termal), a quen descolgou no segundo parcial. O corredor do Academia Postal - Maceda impúxose con case 3 minutos de vantaxe. A terceira praza elite e absoluta da carreira raíña masculina defendeuna Alberto Pedreira (Bici Verde) con solidez ante a ameaza de Luis Fernández Oliveira (Avanza - O Porriño.

Na quenda de honra rexistráronse dous triunfos de líderes. Martín Sestelo (Avanza - O Porriño) dominou nos sub-23 e Adrián Caamaño (Caimanes Betanzos) encabezou a tripla do seu equipo nos juniors. En canto ás categorías femininas, a júnior Aroa Otero (Supermercados Froiz) marcou os mellores tempos e ao máis alto do podio tamén subiron Lara Pita (Cambre) nas cadetes, Sarela Conde (Academia Postal - Maceda) nas sub-23, Juana Vidal (Moto Bike) nas elites e Silvia García (Bici Verde) nas máster-40. 

imagen

A xornada comezara coa categoría Infantil, marcando a pauta Marta Utrera (Armenteira e Punto) e Guillermo García (Avanza - O Porriño). A continuación, Lucas Blanco (Cambre) nos cadetes, Manuel Ángel Parada (Xesteiras) nos máster-30, Jorge Aguín (Moto Bike) nos máster-40, Antonio Rodríguez (Ourense Termal) nos máster-50 e Manuel Bugallo (Biciosos-Rías Baixas) dominaron dende a primeira volta das súas carreiras na quenda intermedia. 

Os resultados en Ribadumia provocaron dous cambios de líderes. Lois Gómez (Avanza - O Porriño) vestiuse coa camisola da Copa Galicia XCO nos cadetes e Juana Vidal recuperouna nas elites. A prenda que conmemora a celebración do Campionato de Europa de Ciclocrós en Pontevedra continúan portándoa Marta Utrera e Guillermo García en Infantil; Xiana Seijo (Caimanes Betanzos) nas cadetes; Marta Estévez (XSM) e Adrián Caamaño en Júnior; Sofía Álvarez (Cambre) e Martín Sestelo en Sub-23; Rubén Deaño nos elites; Samuel Baña (Xesteiras) nos máster-30; Silvia García e Jorge Aguín en Máster-40; Antonio Rodríguez nos máster-50; e Manuel Bugallo nos máster-60. 

imagen

A entrega de premios pechouse coa coroación do Cambre como gañador da clasificación por equipos da xornada. A seguinte cita da Copa Galicia XCO, a quinta das oito que compoñen o calendario, chegará o vindeiro domingo en Ponteareas. 

Toda a información deste certame pode seguirse no seu apartado web e nas redes sociais a través do cancelo #CopaGaliciaXCO24.

Clasificacións

GALERÍA DE FOTOS

Saúl López non dá opción no XCO Kiwi Atlántico
Saúl López non dá opción no XCO Kiwi Atlántico
Saúl López non dá opción no XCO Kiwi Atlántico
Saúl López non dá opción no XCO Kiwi Atlántico
Saúl López non dá opción no XCO Kiwi Atlántico
Saúl López non dá opción no XCO Kiwi Atlántico
 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es