16 DE SEPTIEMBRE DE 2024
Fotos: Laureano Freire Ulbeira
DH en estado puro na cita máis agardada da temporada a nivel autonómico. O parque forestal da Fracha, en Pontevedra, acolleu este sábado no seu histórico circuíto o Campionato de Galicia de Descenso 2024. Nun trazado para especialistas, a elite Alba Arias (CiclosQuintena) conservou a coroa absoluta feminina e o júnior Héctor Quinteiro (Bici Verde) conquistou por primeira vez a masculina.
A cita organizada pola P.C. Moto Bike reuniu a 116 riders e puxo en total nove títulos en xogo. Acompañou o tempo e todo saíu a pedir de boca, excepto algunhas caídas que incluso obrigaron a facer unha paréntese na competición. A quenda clasificatoria dominouna entre os homes o júnior Héctor Quinteiro e o representante do Bici Verde rebaixou o seu primeiro rexistro do día en case un segundo na final para anotarse o scratch de xeito moi axustado. Detivo o cronómetro en 2 minutos 5 segundos e 357 milésimas, un tempo do que se quedou a 899 milésimas o gañador elite e corredor do club anfitrión Sergio Peleteiro (Moto Bike).
A terceira praza correspondeu de xeito sorprendente, pola súa idade, ao cadete Mario Barreiro (VK Bikes), cunha marca de 2:06,552. O novo campión sub-23 David Fernández (Avanza – O Porriño) fixo cuarto e o top-5 completouno o júnior Gael Ferro (Bici Verde). As novas xeracións veñen pegando forte, o que non impediu que dous experimentados pilotos se meteran entre os dez primeiros: o máster-30 Manuel Pellón (BDM Bike), noveno, e o máster-40 Jose Montenegro (Moto Bike), décimo. As outras dúas camisolas do Campionato de Galicia nas categorías masculina acadáronas o máster-50 Marcos Araújo (MR Bikes) e o infantil Guillermo García (Avanza – O Porriño).
Máxima igualdade
A máis rápida entre as mulleres na clasificatoria foi a local Juana Vidal (Moto Bike), realizando a primeira baixada en 2:38,291. Ningunha competidora, nin a propia Juana Vidal, conseguiu achegarse a ese rexistro na quenda final. O primeiro posto scratch, por segundo ano consecutivo na gran cita autonómica, obtívoo Alba Arias cunha marca de 2:43,062. Por un suspiro, por 6 milésimas, a elite do CiclosQuintena bateu á júnior Arantxa Gómez (OsdoSacho). A 5 segundos de ambas rematou a subcampioa elite Estefanía Cabarcos (Rocasport Giant) e cuarta absoluta clasificouse Juana Vidal, a 8” da gañadora e a 10” da súa primeira marca nesta xornada. A elite Desiree Fernández (RSBike) concluíu quinta.
Sen optar a vestirse unha camisola do Campionato de Galicia, ao non alcanzarse a cifra mínima de participantes nas súas categorías, Nayra Giráldez (VK Bikes) impúxose nas cadetes e Leire Mariño (Farto) nas infantís. Tamén se disputou a competición con bicicletas de Enduro na que venceu Xoan Fernández (DH Galicia).
A entrega de premios do Campionato de Galicia de Descenso – DH A Fracha contou coa presenza de Anabel Gulías, concelleira de Deportes de Pontevedra. A vindeira gran cita do ciclismo na cidade de Lérez será do 1 ao 3 de novembro o Campionato de Europa de Ciclocrós.
PODIOS DO CAMPIONATO DE GALICIA
Elite F
1. Alba Arias (CiclosQuintena)
2. Estefanía Cabarcos (Rocasport Giant)
3. Juan Vidal (Moto Bike)
Elite M
1. Sergio Peleteiro (Moto Bike)
2. Gabriel Alonso (Tribu del Ñu)
3. Esteban Paz (VK Bikes)
Sub-23 M
1. David Fernández (Avanza - O Porriño)
2. André Martínez (Avanza - O Porriño)
3. Roi Jorge (Bici Verde)
Júnior M
1. Héctor Quinteiro (Bici Verde)
2. Gael Ferro (Bici Verde)
3. Raúl Romero (A Forna)
Cadete M
1. Mario Barreiro (VK Bikes)
2. Marcos Castelo (Gráficas Lar)
3. Xabi Rial (Bici Verde)
Infantil M
1. Guillermo García (Avanza - O Porriño)
2. Daniel Barcia (THC Bike)
3. Dani Fernández (THC Bike)
Máster-30 M
1. Manuel Pellón (BDM Bike)
2. Diego Cuba (Medela)
3. Héctor Parada (Bici Verde)
Máster-40 M
1. Jose Montenegro (Moto Bike)
2. Manuel Baños (Bicicletas Chinquena)
3. José Manuel López Vaqueiro (VigoEnduro)
Máster-50 M
1. Marcos Araújo (MR Bikes)
2. Ricardo Escudero (Poio Bike)
3. Adolfo Gallego (Singletrack)
BTT
BMX
BMX
BTT
BTT
BTT
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es