05 DE ENERO DE 2026
Fotos: Luz Iglesias
O cuarto día do ano a Copa Galicia de BTT Resistencia máis longa e temperá da súa historia botou a rodar. Por primeira vez con seis citas no seu calendario, o certame das 3 horas acendeuse como é habitual no concello coruñés de Lousame. Fíxoo dúas semanas antes que no 2025 e nunhas condicións que nada tiveron que ver.
Se no 2025 a apertura da temporada estivera marcada pola lama, esta vez o Club BTT O Treito gozou de tempo seco para estrear o seu novo circuíto. Con case 200 participantes na liña de saída, quen máis voltas completou por terceiro ano consecutivo na 3H Resistencia Lousame foi Ángel Maneiro. Lucindo novas cores, o elite noiés da Peña Ciclista Toxo percorreu o trazado en once ocasións. Unha volta menos deu Daniel García (Xesteiras), que bateu ao tamén elite Roberto Freire (Toxo) por 1 minuto e 37 segundos na pugna pola segunda posición.

O gañador máster-40 Samuel Baña (Toxo) fixo cuarto absoluto e o elite Yago Fernández (Xesteiras) pechou o top-5. O mesmo número de xiros ao circuíto -dez- acumularon Vicente Alló (Chantadino) e Iago Carou (Toxo), primeiro e segundo sub-23 respectivamente, o máster-30 Dario Suárez (3AG), o júnior Manuel Souto (Xesteiras) e o máster-50 José Manuel Gómez Bestilleiro (Xesteiras). En canto ao grupo de idade Máster-60, con nove voltas venceu Manuel Rodríguez (Atlético Aguzo).
A loita polo primeiro posto absoluto feminino estivo máis igualada que no apartado masculino. A elite betanceira Mar Delgado, debutando co maillot do Xesteiras, superou por 2 minutos e 19 segundos á sub-23 Noa Rodríguez (Creto Bikes). Ambas realizaron oito pasos pola liña de meta. A terceira mellor actuación protagonizouna a máster-40 Tamara Santos (VK Bikes) con sete voltas, rematando a súa participación 23 segundos antes que a elite Patricia González (Ribadumia).
A quinta praza correspondeu á máster-40 Vanesa Oliveira (Os Aforcados), que asinou seis parciais. Lía Rodríguez (Creto Bikes) é a primeira líder júnior, Amira Simón (Tríatlon Atlántico) impúxose nas M30 e Cristina Romero (Ribadumia), nas M50. O premio como mellor equipo da xornada, sumando o resultados individuais en todas as categorías, recibiuno o Xesteiras.

PARELLAS
Cristian Lapido (Vigués) e Pablo Rodríguez (Os Esfola Arrós) dominaron con autoridade nas parellas masculinas con case 9' de marxe respecto a Darío Tubío e Antonio Mato (Toxo) despois de dez voltas. Cun xiro menos, Jesús Antonio Costa (Os Esfola Arrós) e Ángel Vilanova (Compostelano) apuntáronse a terceira posición.
Revalidando o triunfo do ano anterior en Lousame, a competición de parellas mixtas encabezárona Fátima González e Óscar González (Máis Que Bicis). Empataron a nove voltas con Nerea Sánchez e Víctor Riveira, pero avantaxaron en 2:44 ao dúo do Xesteiras. O terceiro chanzo do podio ocupárono Carla Vilouta e Samuel Tomé (Toxo).

A duración da Resistencia para as parellas das corredoras e dos corredores cadetes. O tempo limítase a dúas horas e as vitorias obtivéronas Carla Hermida (Náutica Narón) e Lara Fernández (Cambre) na competición feminina, Pedro Seoane e Izan Fernández (Cambre) na masculina e María Vázquez e Ramón Iglesias (Cambre) na mixta.
A primeira Copa Galicia do 2026 continuará o vindeiro domingo, día 11, en Noia. Toda a información sobre este certame podes atopala na súa sección dentro desta mesma páxina web e nas redes sociais a través do cancelo #CopaGaliciaRST26

BTT
BTT
AVISOS
BTT
PROBAS DEPORTIVAS
SELECCIÓNS
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es