Facebook Twitter Youtube Instagram Español

A Copa Galicia de Maratón rexorde

25 DE FEBRERO DE 2025

O certame autonómico regresa ao calendario con tres citas: Xurés, Piñor e Costa da Morte

A-Copa-Galicia-de-Maraton-rexorde

Despois dun ano de paréntese, a Copa Galicia de Maratón está de volta. O certame coordinado pola Federación Ciclismo Galego (FCG) para os fondistas do BTT constará esta campaña de tres desafíos puntuables. Unha gran nova dentro dun calendario de Cross Country Maratón (XCM) que na nosa comunidade preséntase do máis atractivo. 

O regreso da Copa terá lugar na provincia de Ourense coa celebración o 15 de xuño do Xurés Bike Tour, proba organizada por Noko 360 Sports Consulting. As/os bikers que saían líderes de Muíños tocaralles defender as súas camisolas noutro evento en territorio ourensán. O IV XCM Audi Selection Plus Concello de Piñor exercerá o 7 de setembro, co Club Ciclista Ourense Termal como anfitrión, de segunda xornada puntuable para unhas clasificacións xerais que se resolverán a comezos de outubro. Carballo será o epicentro o día 5 da XXI Marcha Costa da Morte, a clásica do Club Ciclista Monteneme. 

O final do verán e o inicio do outono resultarán especialmente esixentes. Entre o segundo e o terceiro maratón da Copa disputarase o día 21 o Campionato de Galicia. As coroas da FCG poranse en xogo no XCM Condado-Paradanta, un evento impulsado pola A.C.D. Sanomedio. 

Transgalaica, Volta a Galicia e Copa de España

A temporada desta especialidade está a punto de activarse e farao este domingo, como de costume, co circuíto Transgalaica, que ofrece cinco carreiras: Cerdedo-Cotobade, Ames, Silleda, Friol e Manzaneda. 

Unha vez que remate a Transgalaica, estrearase unha das principais novidades do noso ciclismo este ano. Todo un evento do calendario UCI. A primeira edición da Volta a Galicia BTT arrancará o 1 de maio e concluirá tres días máis tarde. 

Outra aposta de nivel chega co salto que dá un maratón xa consolidado. Na súa undécima edición, a Ruta do Lacón debutará o 17 de maio na Copa de España.   

Con todo isto, cunha oferta de probas ampla e de calidade, o XCM galego prepárase para desfrutar da súa boa saúde. 

 

 

 

 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es