12 DE MAYO DE 2025
Fotos: Luz Iglesias
O pregoeiro este ano das festas do Corpus Christi de Ponteareas exerceu este domingo de anfitrión dun dobre evento que estreou circuíto de Cross Country. Borja Gómez Méndez e o histórico club no que apadriña a súa Escola recibiron a máis de 650 bikers na zona deportiva de Pardellas, o escenario que se inaugurou para o ciclismo o pasado mes de xaneiro acollendo o Campionato de Galicia de Ciclocrós. Esta vez polo trazado da Freixa pedalearon baixo a organización do Lynalfa-Ponteareas as corredoras e os corredores do Mini BTT e do II XCO Vila do Corpus.
A sesión matinal estivo reservada para as escolas de BTT e pola tarde disputouse a sexta xornada puntuable para a Copa Galicia de Cross Country Olímpico. O certame coordinado pola Federación Ciclismo Galego consta esta campaña de dez citas e ten como dominador Elite e Sub-23 masculino a Iván Feijoo (Academia Postal - Maceda). O de Allariz sumou en Ponteareas o seu cuarto triunfo absoluto da temporada, o terceiro de xeito consecutivo. Lucindo a camisola de líder avantaxou en 1 minuto e 40 segundos a Alberto Pedereira (Bici Verde) e en 2:22 a Luis Fernández Oliveira (Avanza - O Porriño).
Por detrás dos tres primeiros, outro trío pugnou pola cuarta praza e, sobre todo, pola vitoria sub-23 ata a liña de meta. O máis rápido foi Ricardo Buba (Coruxo), batendo ao esprint a Denis González (Avanza - O Porriño) e a Antonio Casal (Cambre), que finalizaron nesa mesma orde. O júnior Marcos Rodríguez (Academia Postal - Maceda) e o máster-30 José Luis Pereira (Xesteiras) acadaron os outros triunfos masculinos na última quenda do día e anteriormente impuxéranse Guillermo García (Avanza - O Porriño) nos cadetes, Marcos Mayo (BTT O Treito) nos máster-40, Antonio Rodríguez (Ourense Termal) nos máster-50, Manuel Bugallo (Biciosos - Rías Baixas) nos máster-60 e Mateo Hermida (Lynalfa-Ponteareas) nos infantís.
O club local colleitou tres vitorias, dúas delas no apartado feminino. Nerea Soto gañou nas cadetes e nas júniores Elbar Hermida e Alba Gregores asinaron un 'dobrete' ao presentarse xuntas na chegada. A competición elite e sub-23 tivo como vencedora por primeira vez esta temporada a María Filgueiras (XSM), que se distanciou en 3:19 de Uxía Soto (Extol-Zambora.es). O podio sub-23 completouno Yaiza Vila (Creto Bikes). En canto aos grupos de idade máster, Carolina Díez (Creto Bikes) nas 30 e Beatriz Vicente (Podium Team) nas 40 subiron ao máis alto do caixón, e nas infantís Jimena Novo (Farto) levouse o trofeo de primeira clasificada.
As xerais da Copa Galicia rexistran tres cambios de líderes. A infantil Jimena Novo, o cadete Guillermo García e o máster-30 José Luis Pereira comandan agora os seus rankings. Unha xornada máis continúan no máis alto das súas categorías Mateo Hermida nos infantís, Iris Santana (Coruxo) nas cadetes, Elba Hermida e Marcos Rodríguez en Júnior, Yaiza Vila e Martín Díaz (XSM) en Sub-23, Iván Feijoo e Lara Lois (RG Bikes) en Elite, Carolina Díez nas máster-30, Beatriz Vicente e Marcos López (Xesteiras) en Máster-40, Antonio Rodríguez nos máster-50 e Óscar Lorenzo (Bici Verde) nos máster-60.
O mellor equipo volveu ser o Cambre, primeiro na táboa por clubs nas tres últimas citas da Copa Galicia. O certame autonómico de XCO descansará a vindeira fin de semana, última paréntese do calendario antes de que comece en Maceda, o 24 de maio, o bloque de probas definitivo.
Toda a información sobre este circuíto de XCO podes atopala nas redes sociais a través do cancelo #CopaGaliciaXCO25 e na súa sección dentro da páxina web da FCG.
BTT
BTT
SELECCIÓNS
BTT
BTT
BTT
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es