Facebook Twitter Youtube Instagram Español

O quinto posto de Tomás Pombo en Montemayor non lle basta para manterse líder na Copa de España

29 DE ABRIL DE 2024

O júnior do Padronés-Cortizo ocupa a segunda praza na xeral a falta de tres carreiras para a conclusión do certame estatal

O-quinto-posto-de-Tomas-Pombo-en-Montemayor-non-lle-basta-para-manterse-lider-na-Copa-de-Espana

Foto: Equipo Alimco Campagnolo

A Copa de España Júnior Cofidis chegou ao ecuador do seu calendario cun galego situado na segunda posición da xeral. Tomás Pombo (Padronés-Cortizo) fixo quinto o pasado sábado no XLIX Gran Premio Montemayor, un resultado que non lle bastou para manterse como líder. O vasco Hodei Muñoz (Alimco-Campagnolo) anotouse a vitoria na carreira cordobesa e arrebatou a camisola do certame estatal ao corredor de Carballo. 

Os 134 quilómetros de percorrido resolvéronse na explosiva subida ao castelo de Montemayor. Nun final para ciclistas con 'punch', Hodei Muñoz fixo valer a súa potencia e a 5 segundos do vencedor cruzou a liña de meta Tomás Pombo, pechando o top-5. Despois desta terceira cita da Copa de España, a clasificación xeral pasa a estar encabezada polo vasco con 136 puntos, avantaxando en 15 ao carballés. A táboa por equipos continúa dominándoa a formación galega Picusa Academy. A seguinte xornada puntuable, a Clásica Araba Vitoria-Gasteiz, está fixada para o 15 de xuño. 

Outra sobranceira actuación dun júnior da nosa comunidade viviuse durante a fin de semana en Cantabria. Iván Puentes (Team Farto-BTC) logrou a terceira praza no Gran Premio El Baruco - Ayuntamiento de Camargo, carreira pertencente ao calendario da Real Federación Española de Ciclismo.

Máis información 

 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es