Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Padrón e Vigo pechan esta fin de semana a Copa de España Elite e Sub-23

17 DE MAYO DE 2024

O certame estatal despídese en Galicia cunha dobre cita puntuable

Padron-e-Vigo-pechan-esta-fin-de-semana-a-Copa-de-Espana-Elite-e-Sub-23-

A Copa de España Elite e Sub-23 de ciclismo en Estrada bota o peche esta fin de semana en Galicia, onde se disputarán as dúas últimas e emocionantes citas do certame estatal. A XI edición da Rutas Xacobeas de Padrón e a Copa de España de Vigo decidirán quen pasan a formar parte do palmarés da competición.

Padrón o sábado, e Vigo o domingo, serán os escenarios que dilucidarán os novos campións da Copa de España. Á cita chega como líder Haimar Etxeberria (Finisher-Kern Pharma), ao que segue de preto a só 37 puntos Daniel Cavia (Padronés-Cortizo). Entre os elite, Javier Ibáñez (Caja Rural-Alea) domina con claridade a clasificación con 420 puntos polos 313 de Mateu Estelrich (Essax-Grupo Arrfran).

XI Rutas Xacobeas

A XI Rutas Xacobeas, organizada polo C.C. Padronés-Cortizo, abrirá o sábado a acción co seu característico percorrido crebado, que ademais este ano inclúe variacións que o farán aínda máis atractivo.

Nos seus 165 quilómetros, todas as miradas apuntan ao encadeado Martelo (1ª), A Pereira (2ª) e Aguasantas (1ª) como tramo decisivo; os tres quilómetros de subida deste último, cunha pendente media por encima do 10 % a só 25 quilómetros de meta apuntan a decisivos.

imagen

A Rutas Xacobeas, que o ano pasado apuntouse Vicente Rojas (Supermercados Froiz) por diante de Marc Cabedo (Telco’m On) e Viatcheslav Ivanov (MP Group), poderá seguirse en directo a través da canle de Youtube do Equipo Cortizo. A partir das 9 da mañá emitirase un especial dunha hora para tomar o pulso da proba cos protagonistas e escoitar as súas impresións antes da saída. Ás 12:30 horas regresarán as cámaras en directo para mostrar o desenlace da carreira, a entrega de premios e ofrecer as primeiras impresións dos triunfadores da xornada.

IV Vigo Copa de España

O domingo disputarase a última cita do certame estatal en Vigo; unha cita que como vén sendo habitual edición tras edición da Copa de España antóllase como unha das máis esixentes, cargada este ano ademais con algunhas novidades.

O C.C. Rías Baixas, organizador da proba, preparou para este ano un percorrido 180 quilómetros cun total de 6 pasos de montaña, un escenario habitual pero que atopará un substancial cambio no final, que se traslada da subida da Madroa ao Monte do Castro. Ao remate da carreira os participantes acumularán ao redor de 4000 metros de desnivel positivo, unha cifra que dá boa conta da dureza dun trazado vigués que un ano máis será propicio para os mellores escaladores.

imagen

O Monte Aloia, con máis de 7 quilómetros ao 8% de pendente media; o alto de Fonte dos 100 anos, con 8 esixentes quilómetros ou as ramplas finais na subida ao Monte do Castro eríxense como decisivas.

imagen

A proba olívica, que na súa pasada edición coroou a Sergio Chumil (Padronés-Cortizo) por diante de Hugo Aznar (Finisher) e Marc Cabedo (Telco’m On), arrincará ás 10:45 horas e contará tamén con retransmisión en directo, neste caso desde as 14:10 horas a través da canle de Youtube de Sportublic TV.

Máis información

 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es