Facebook Twitter Youtube Instagram Español

A Domaio Heroica - Desafío Delio Fernández elixe este domingo aos campións de Galicia Elite e Sub-23

21 DE AGOSTO DE 2024

A proba moañesa presenta un novo percorrido na súa terceira edición

A-Domaio-Heroica-elixe-este-domingo-aos-campions-de-Galicia-Elite-e-Sub-23-

Unha vez máis este verán, Moaña acolle un Campionato de Galicia de ciclismo en estrada. Despois de que a finais de xuño se disputaran nesta localidade morracense os títulos de todas as categorías femininas e da cadete e da júnior masculinas, este domingo os corredores elite e sub-23 pugnarán polas coroas autonómicas na Domaio Heroica - Desafío Delio Fernández. O pelotón que compite na antesala do profesionalismo atoparase un percorrido diferente respecto ás dúas anteriores edición proba organizada pola A.D. Punta Fondón.

A carreira que arrancará ás 10:00 horas dende as inmediacións do Club de Xubilados de Domaio rolda os 150 quilómetros e divídese en dúas partes. Os primeiros 80 km transcorrerán por catro concellos máis que Moaña, os de Vilaboa, Soutomaior, Pazos de Borbén, Fornelos de Montes e Ponte Caldelas. Logo de rodar polo interior da provincia de Pontevedra, os ciclistas regresarán ao municipio que exerce de epicentro do percorrido para dar dúas voltas a un circuíto dunha trintena de quilómetros que inclúe a subida ao porto de montaña de Cruz da Maceira. A chegada á liña de meta, situada na recta principal de Domaio, está prevista ao redor das 14:00 h.

imagen

O corredor profesional Delio Fernández, que vén de rematar entre os dez primeiros na xeral da Volta a Portugal, apunta que o trazado da cita que apadriña “é esixente, ideal para un corredor forte que sexa capaz de pasar ben a montaña”. “A distancia dende a segunda vez que se coroa o porto de Cruz da Maceira ata a conclusión da proba dá lugar a que os movementos tácticos dos equipos poidan resultar decisivos”, sinala o líder da formación portuguesa APHotels & Resorts – Tavira.

O ciclista moañés asistiu este mércores á presentación do evento, un acto que tamén contou coa presenza de Leticia Santos, alcaldesa de Moaña; Rubén Viéitez, concelleiro de Deportes; Daniel Costas, concelleiro de Obras e Servizos; Lois Casás, secretario da Comunidade de Montes de Domaio; Enrique Vaz, presidente da A.D. Punta Fondón; Julián Vaz, representante do equipo High Level – Gsport; Óscar Sánchez, vicepresidente da Federación Ciclismo Galego (FCG) e Jacobo Ucha, técnico da FCG.

imagen

A Domaio Heroica - Desafío Delio Fernández é un trampolín ao campo profesional. Os gañadores das dúas anteriores edicións, ambos defendendo as cores do Padronés Cortizo, lograron facerse un oco no máximo nivel. O uruguaio Éric Fagúndez, corredor do Burgos BH, impúxose no 2022 e no 2023 venceu o checo Vojtech Kminek, quen a vindeira temporada vai compartir equipo co ciclista charrúa. Nesta ocasión o pelotón estará composto por un centenar de unidades e entre os conxuntos participantes vai estar a escuadra moañesa do High Level – Gsport.

Esta carreira que reparte puntos para os Rankings da Real Federación Española de Ciclismo exerce por primeira vez de Campionato de Galicia de fondo en estrada. Os títulos autonómicos que se poñen en xogo conquistáronos no Porriño o ano pasado Iván Días (Lasal Cocinas), na categoría Elite, e Rubén Fandiño (Supermercados Froiz), na Sub-23. Ademais, a Domaio Heroica - Desafío Delio Fernández tamén será un importante test de cara á Volta Galicia que se celebra a mediados do vindeiro mes.

Dende a organización encabezada pola A.D. Punta Fondón agradécese a colaboración da Policía Local de Moaña, de Protección Civil e da Dirección Xeral de Tráfico para que a seguridade dos ciclistas estea garantida.

DOCUMENTOS ADJUNTOS

 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es