Facebook Twitter Youtube Instagram Español

A Volta a Galicia garante emoción na edición dedicada a Álex Marque

05 DE SEPTIEMBRE DE 2024

A rolda Elite e Sub-23 presentouse na Cidade da Cultura a unha semana do seu inicio

A-Volta-a-Galicia-garante-emocion-na-edicion-dedicada-a-alex-Marque

Fotos: Laureano Freire

A localidade lucense de Sarria, a ourensá de Xinzo de Limia e a pontevedresa de Sanxenxo serán as capitais da 22ª Volta Ciclista Galicia para corredores da categoría Elite e Sub-23 que se celebrará do 12 ao 15 de setembro. A rolda organizada pola Federación Ciclismo Galego (FCG) desvelou os seus detalles esta mañá na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela. Dezasete equipos estarán na liña de saída dun percorrido no que a emoción está garantida e que resulta ideal para ciclistas todoterreo como foi na súa etapa profesional Álex Marque, a quen se lle dedica esta edición.

O excorredor da Estrada competiu dende o 2004 ata o 2022 en equipos portugueses e sobre o asfalto luso conseguiu o principal triunfo da súa carreira, a Volta a Portugal do 2013. Álex Marque é dun dos principais referentes do ciclismo galego neste século e sucede ao arousán Gustavo César Veloso na lista de ciclistas históricos aos que a FCG brinda cada ano a Volta a Galicia. Precisamente outro pontevedrés, o vilagarcián Martín Rey (Padronés Cortizo), defenderá a vindeira semana a vitoria na clasificación xeral acadada a pasada temporada.

imagen

Diego Calvo, conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia, lembrou durante a súa intervención que esta competición está consolidada xa no calendario estatal e incidiu no labor desenvolvido pola Federación Ciclismo Galego para a organización dunha nova edición. Acompañado por José Ramón Lete Lasa, Secretario Xeral para o Deporte, o conselleiro destacou o bo momento do ciclismo galego, con varias probas propias ao longo do ano que se suman a esta Volta, como o Gran Fondo Ézaro ou O Gran Camiño e, xusto a semana pasada, catro etapas de La Vuelta, o que supón todo un récord. Ademais, aproveitou para felicitar a Damián Ramos, que vén de acadar unha medalla de bronce nos seus primeiros Xogos Paralímpicos.

imagen

Durante o acto celebrado na Sala Fontán da Cidade da Cultura tamén tomaron a palabra na mesa de autoridades Juan Carlos Muñiz, presidente da Federación Ciclismo Galego; Félix Seijas, concelleiro de Deportes de Sarria; Cristina Campero, concelleira de Deportes de Xinzo de Limia; Marcos Guisande, concelleiro de Deportes de Sanxenxo e deputado provincial da Deputación de Pontevedra de Medio Ambiente e Mar; e José María Martínez, comandante da Agrupación de Tráfico da Garda Civil. Pola súa banda, de valorar o itinerario de cada unha das etapas encargáronse cinco corredores sobranceiros na historia do ciclismo galego: Marcos Serrano, director deportivo do Padronés Cortizo; Ezequiel Mosquera, director do Gran Camiño; Aser Estévez, presidente do Team Oiense – Escuela Estévez; e Xose Anxo Vidal e Evaristo Portela, directores do Grupo Deportivo Supermercados Froiz.

Catro etapas

O percorrido da Volta a Galicia arranca con dúas xornadas en Sarria. Esta vila da provincia de Lugo acollerá o xoves 14 unha contra o reloxo individual de 7,1 quilómetros e ao día seguinte será o punto de saída e de chegada dunha tirada de 160 km, que inclúe tres portos de montaña de 3ª categoría.

A caravana desta proba trasladarase o sábado á provincia de Ourense. A localidade de Xinzo de Limia desfrutará do arranque e da conclusión dunha etapa de 160 km, de novo con tres altos de 3ª categoría, e que responde a un perfil de clásica. No circuíto final ascenderase en dúas ocasións o ‘muro’ non puntuable das Trandeiras.

A clausura da rolda galega terá como escenario o municipio pontevedrés de Sanxenxo, onde o domingo se porá en marcha e concluirá un itinerario de 127 km pola comarca do Salnés. As ascensións a Lobeira, de 3ª categoría, e ao Monte Castrove, de 2ª, aparecen como as últimas oportunidades para os escaladores de dinamitar unha rolda que nesta ocasión non ofrece ningún final en alto. O triunfo na xeral pode decidirse por poucos segundos de diferenza.

Dezasete equipos

O pelotón da última gran cita da temporada no calendario español Elite-Sub23 estará composto por 112 ciclistas pertencentes a dezaseis equipos. Oito conxuntos galegos -Supermercados Froiz, High Level-Gsport, Vigo-Rías Baixas, Lasal Cocinas - Craega, Retelec-Ambilamp, Padronés Cortizo, Team Oiense-Escuela Estévez e o Club Ciclista Vigués- mediranse con sete potentes escuadras do resto do estado – Polti Kometa, Gomur Cantabria, Torres-Trigon, Technosylva Maglia Bembibre, Extremadura-Pebetero, Caja Rural – Alea e Telco’m On Clima Osés- e con dúas formacións estranxeiras: a francesa do Nippo-EF-Martigues e a portuguesa do Porminho Team U23.

imagen

Toda a información sobre a 22ª Volta Ciclista a Galicia está dispoñible na súa páxina web oficial www.voltagalicia.com e o cancelo oficial do evento é #VoltaGalicia2024

GALERÍA DE FOTOS

A Volta a Galicia garante emoción na edición dedicada a Álex Marque
A Volta a Galicia garante emoción na edición dedicada a Álex Marque
 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es