15 DE SEPTIEMBRE DE 2024
Fotos: Asier Torrado
Tal e como aconteceu o ano pasado, o Gomur – Cantabria Infinita conseguiu o triunfo parcial na última etapa da Volta Ciclista Galicia e o Padronés Cortizo conquistou a xeral. Repetiron éxito os equipos, pero cambiaron os protagonistas individuais. A etapa que este domingo en Sanxenxo clausurou catro días de competición tivo como vencedor ao asturiano Samuel Fernández e a camisola amarela da xeral mantívoa o murciano José Luis Faura, sucedendo no palmarés desta rolda ao seu compañeiro Martín Rey.
A xornada definitiva da última carreira por etapas do ano no calendario estatal elite e sub-23 estivo na liña de toda a Volta. A batalla e a emoción duraron de principio a fin. José Luis Faura poñía en xogo o liderado obtido a véspera en Xinzo de Limia e a estratexia do seu equipo para defenderse consistiu en atacar. No treito inicial do percorrido de 127 quilómetros pola comarca pontevedresa do Salnés, con saída en Sanxenxo e chegada a un dos principais núcleos deste municipio como é Portonovo, formouse unha escapada de catro corredores con dobre presenza do Padronés Cortizo.
O conxunto coruñés lanzou por diante a Vojtech Kminek e a Maksym Bilyi, dous ciclistas que compartiron cuarteto con Álvaro Sagrado (Retelec Ambilamp) e Samuel Fernández (Gomur). O checo Kminek pasou primeiro pola Meta Volante de Meaño e pola de Caldas de Reis, desbancando do primeiro posto desa clasificación complementaria ao seu compañeiro Francesc Bennassar. Momentaneamente tamén destronou Bilyi no máis alto da xeral a Faura, dado que a fuga chegou a superar os 2 minutos de vantaxe e o ucraíno estaba a pouco máis de 1’ do murciano.
A diferenza dos escapados caeu bruscamente na aproximación ao segundo e último porto da xornada. O Supermercados Froiz incrementou o ritmo do pelotón e o seu xefe de filas dinamitou o gran grupo nas primeiras ramplas do Monte Castrove. O portugués Lucas Lopes, cuarto na xeral, deu continuidade ao traballo dos seus compañeiros e a súa roda só a puideron seguir o líder Faura e Martín Rey. O gañador da pasada edición acabou cedendo ante o ímpeto do luso e a súa praza no terceto ocupouna Pablo García (Polti Kometa). Os perseguidores conseguiron conectar antes de coroar co grupo de cabeza, do que xa se quedara Kminek.
Á fronte do sexteto, Samuel Fernández puntuou en primeira posición no Monte Castrove, do mesmo xeito que fixera no anterior porto, o de Lobeira. O ciclista do Gomur situouse líder da Montaña e non foi o último premio que colleitou nos últimos quilómetros. Antes de lanzar o ataque que lle deu a vitoria de etapa, tivo que reaccionar cando Lucas Lopes, o corredor máis forte da xornada, soltou a todos os seus acompañantes na subida non puntuable de Dorrón, a 10 quilómetros para o final. Unha demostración de forza que incluso puxo contra ás cordas ao líder Faura.
O intento en solitario do portugués non frutificou, todo o contrario que o de Samuel Fernández xa nas rúas de Sanxenxo. O xixonés marchouse cando a estrada picaba para arriba por última vez, a 3 quilómetros para a conclusión, e logrou a marxe necesaria para erguer os brazos na chegada de Portonovo por diante de Pablo García e Álvaro Sagrado, segundo e terceiro respectivamente. Un triunfo que prolongou o que xa comeza a ser unha tradición. O Gomur anotouse por terceiro ano consecutivo a última etapa da Volta, cada temporada cun corredor diferente.
O líder Faura entrou pechando o sexteto e festexando o seu triunfo na Volta. O murciano, de 24 anos, xa se impuxera esta campaña nas xerais finais da Vuelta a Guadalentín, Vuelta a Extremadura e G.P. Vila-Real. A camisola amarela en Portonovo entregoulla Diego Calvo, conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia. Nesta coroación estivo escoltado por Lucas Lopes, segundo a 45”, e Pablo García, terceiro a 54”, quen acadou un podio moi especial para o Polti Kometa na despedida desta formación do pelotón elite e sub-23.
As camisolas das outras clasificacións da Volta recibíronas Lucas Lopes, primeiro sub-23; Samuel Fernández, vencedor da Montaña; Vojtech Kminek, líder das Metas Volantes; e Martín Rey, mellor galego. Por equipos dominou o Padronés Cortizo. O outro trofeo que se outorgou na clausura da Volta foi o da homenaxe a Álex Marque, o exciclista profesional homenaxeado nesta edición da rolda organizada pola Federación Ciclismo Galego.
Toda a información sobre a 22ª Volta Ciclista a Galicia está dispoñible na súa páxina web oficial www.voltagalicia.com e o cancelo oficial do evento é #VoltaGalicia2024
CARRETERA
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
CARRETERA
CARRETERA
FEDERACIÓN
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es