07 DE ABRIL DE 2025
Fotos: Segundo Navaza Blanco
A Volta a Lugo Máster non falla. Un ano máis o evento do Club Ciclista Chantadino ofreceu dous fantásticos días de ciclismo con finais en Escairón e Chantada. A primeira etapa tamén exerceu de segunda xornada puntuable para a Copa Galicia Máster, o certame que arrancou a mediados de marzo en Ribadeo.
A emoción marcou o desenlace das dúas tiradas. Os 75 quilómetros do sábado resolvéronse na capital do concello do Saviñao con Samuel García impoñendo a súa potencia. O corredor do Norinver dobregou ao esprint ao tamén máster-30 Gustavo Santiago (Ciclismo-Tríatlon Poio) e a 3 segundos dos dous primeiros terminaron oito ciclistas comandados polo máster-40 Saúl Torres (Norinver). A vitoria máster-50 obtívoa Luis Alberto Paredes (Ciclismo-Tríatlon Poio) e a máster-60, Enrique Vázquez (Tambre Bike).
Os puntos repartidos na chegada a Escairón provocaron dous cambios de líderes nas xerais da Copa Galicia. Saúl Torres encabeza agora a táboa dos 40 e o primeiro posto na clasificación dos 50 pasouno a ocupar Luis Alberto Paredes. As camisolas máster-30 e máster-60 continúan en posesión de Gustavo Santiago e José Carlos Riol (ADO Moure).
A terceira cita do certame autonómico disputarase o 3 de maio na apertura da IX Challege As Rías Baixas. Toda a información sobre a Copa Galicia Máster podes atopala nas redes sociais a través do cancelo #CopaGaliciaMáster25 e na súa sección dentro da páxina web da FCG.
A Volta a Lugo Máster tivo como segundo e último desafío para os seus 126 participantes outro trazado de 75 km. O máis forte o domingo en Chantada foi Diego Álvarez. O máster-40 do Aerodynamics Academy venceu co mesmo tempo que o máster-30 Pablo Fernández (Cidade de Santiago), segundo, e Gustavo Santiago, terceiro na etapa e gañador absoluto da clasificación xeral. O corredor do Ciclismo-Tríatlon Poio tamén se levou as camisolas máster-30 e de mellor galego na rolda lucense.
O resto de trofeos na cerimonia de clausura recibíronos Pablo Brandariz (Xesteiras) como líder máster-40, Luis Alberto Paredes polo seu primeiro posto na xeral máster-50/60, así como Diego Álvarez ao adxudicarse as Metas Volantes, Miguel Ángel Colunga (Team Siroko) a Montaña, Tiago Ferreira (Skoda-Irmaos Leite) os Sprints Especiais e a formación asturiana do Aerodynamics Academy triunfou por equipos por diante do Norinver e do Xesteiras.
FEDERACIÓN
CARRETERA
CARRETERA
CARRETERA
CARRETERA
CARRETERA
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es