Facebook Twitter Youtube Instagram Español

A Domaio Heroica - Desafío Delio Fernández, segundo asalto da Copa Galicia Elite e Sub-23

11 DE JUNIO DE 2025

A carreira moañesa presenta un novo percorrido este domingo

A-Domaio-Heroica---Desafio-Delio-Fernandez-segundo-asalto-da-Copa-Galicia-Elite-e-Sub-23

A Domaio Heroica – Desafío Delio Fernández volve incluír novidades na súa cuarta edición. A carreira de clase 1.12.1 no calendario da Real Federación Española de Ciclismo ofrecerá este domingo un trazado ideal para as estratexias dos equipos e para os especialistas na media montaña. Con 132 quilómetros de distancia e tres portos puntuables, a cita organizada pola A.D. Punta Fondón na localidade pontevedresa de Moaña exercerá como segunda xornada da Copa Galicia Elite e Sub-23 de Estrada.

As inmediacións do Club de Xubilados de Domaio acollerán ás 10:00 horas a posta en marcha da proba. Os ciclistas empezarán a pedalear á beira do mar e da ponte de Rande en dirección ao interior da provincia. Transitando por Vilaboa, Arcade, Soutomaior e Pazos de Borbén, a primeira dificultade montañosa chegará no concello de Fornelos de Montes, o alto de 3ª categoría de Moscoso, que se coroará no km 30. Desde a súa cima poñerase rumbo a Pontecaldelas antes de iniciar a segunda volta a un circuíto que inclúe un novo asalto á subida a Moscoso, no km 73,5.

Completado o bucle, o pelotón regresará a Moaña pola mesma estrada que na ida e tras un primeiro paso pola liña de meta afrontará o porto máis esixente do percorrido. A subida a San Lourenzo, de 4 quilómetros de lonxitude, está catalogada de 2ª categoría. Unha vez superada no km 125, só restará un frenético descenso ata a conclusión da carreira.

imagen

Este xoves tivo lugar en Domaio a presentación dunha competición xa consolidada no calendario estatal. Ao acto asistiron a alcaldesa de Moaña, Leticia Santos; os concelleiros Rubén Viéitez, Daniel Costas, Kevin González e Xosé Xoán Melón; o presidente da Comunidade de Montes de Domaio, Rubén García; o vicepresidente da Federación Ciclismo Galego, Óscar Sánchez; e o organizador da proba Enrique Vaz.

Despois do ano pasado repartir os títulos do Campionato de Galicia Elite e Sub-23 de fondo en estrada, esta tempada a Domaio Heroica-Desafío Delio Fernández regresa á Copa Galicia. Faino como segunda e penúltima cita. Como líderes deste certame marchan Tomás Pombo (Padronés-Cortizo) en Sub-23 e o seu compañeiro de equipo Maksym Bilyi en Elite. Ambos estarán na liña de saída.

Toda a informacón sobre a Copa Galicia Elite e Sub-23 podes atopala nas redes sociais a través do cancelo #CopaGaliciaEstrada25 e na súa sección dentro da páxina web da Federación Ciclismo Galego. 

Fonte: A.D. Punta Fondón 

     
   

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es