06 DE SEPTIEMBRE DE 2025
A Volta a Galicia regresará o domingo 14 de setembro a Ferrol logo de 15 anos e farao para coroar ao gañador final da súa 23ª edición. A cuarta e útima tirada da roldará Elite e Sub-23 brindará outro vibrante percorrido. O seu trazado analizouse polo miúdo na presentación que tivo este venres como escenario a sala Curuxeiras da Autoridade Portuaria.
Neste acto participaron o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela; o presidente da Federación Ciclismo Galego, Juan Carlos Muñiz; o presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, Francisco Barea; a directora territorial da Xunta de Galicia en Ferrol, Martina Aneiros; e o director da Volta a Galicia, Jacobo Ucha.
"Estamos ante un momento de celebración, de sentir o orgullo de ser anfitrións dunha etapa decisiva desta volta", afirmou Rey Varela, lembrando a importancia de retomar a celebración citas deportivas desta relevancia e poñendo a vista atrás, cando "Miguel Indurain, historia viva do ciclismo, gañou aquí, en Ferrol, unha etapa desta volta no ano 1995”. "Ferrol tamén foi escenario da Vuelta Ciclista a España, as últimas veces nos anos 2012 e 2014, e agardamos que a etapa que presentamos hoxe sexa a antesala do regreso de moitos máis grandes eventos deste e doutros deportes", desexou.
A derradeira xornada da Volta a Galicia 2025 transcorrerá tanto pola zona urbana como rural da cidade, con saída da praza de Armas -ás 10:30 horas- e chegada no peirao de Curuxeiras ao redor das 13:30 h, tras pasar por A Malata, Doniños, Vila Eirexa, Covas, Mandía e Serantes. O percorrido de 130 quilómetros tamén levará ao pelotón aos concellos de Narón, Fene, Neda, San Sadurniño, Moeche, Cerdido, Cedeira e Valdoviño.
O perfil desta tirada divídese en dúas partes. A primeira consistirá en circular por diferentes concellos de Ferrolterra, coa Meta Volante de San Sadurniño (km 18) e o Alto de Moeche (km 23), de 3ª categoría, como puntos quentes. O primeiro paso pola liña de meta, no km 75, e o segundo, no km 102,7, exercerán de Metas Volantes e de inicio dun circuíto ao que se darán dúas voltas. Neste desenlace sobresae o Alto da Bailadora, de 3ª categoría. A segunda vez que se coroe, só quedarán 8 km para completar a Volta a Galicia.
Esta cita "chega nun momento moi ilusionante para a cidade porque estamos a vivir de cheo a súa transformación, que nos conecta co futuro e que contribuirá a seguir poñendo Ferrol no mapa”. Neste contexto, Rey Varela destacou que o ciclismo é moito máis que un deporte, “é saúde”, por iso “estamos a duplicar o número de quilómetros de carril bici. Xa pasamos de 6,8 quilómetros en 2023 a 10 na actualidade, no 2027 teremos 13 quilómetros e, como debuxamos xa a cidade do futuro, en 2030 chegaremos a 22 quilómetros de carril bici”, avanzou.
Muñiz e Aneiros subliñaron a excepcionalidade das paisaxes que ofrece o municipio naval, mentres que Barea saudou a chegada da Volta ao peirao de Curuxeiras, que representa un dos elementos tractores na dinamización da cidade.
O alcalde concluíu invitando á cidadanía a desfrutar desta festa deportiva nas rúas e desexando unha feliz Volta a Galicia con fin en Ferrol.
Consulta toda a información sobre as etapas da Volta a Galicia na súa páxina web oficial www.voltagalicia.com
CARRETERA
CARRETERA
CARRETERA
CARRETERA
CARRETERA
CARRETERA
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es