07 DE SEPTIEMBRE DE 2025
Fotos: Miguel Borrás
Un total de cinco títulos autonómicos outorgáronse este domingo na Alameda de Vilalonga, punto de saída e de chegada do circuíto polas estradas do concello de Sanxenxo no que se disputou o Campionato de Galicia para o pelotón feminino e o cadete masculino. A sub-23 Andrea Prado (Team Farto-Kiroot) retivo a súa coroa e foi a excepción porque nas outras catro categorías estreáronse no máis alto do podio a elite Tamara Seijas (Supermercados Froiz), a júnior Inés Santalla (Río Miera-Meruelo), a cadete Vega Aldrey (Cambre) e o cadete Héctor Rodríguez (Cambre). A velocidade e a emoción marcaron as dúas carreiras celebradas nunha fantástica matinal de ciclismo.
As mulleres encargáronse de abrir a xornada cunha proba que se decidiu por eliminación. Ao término das primeira das tres voltas ao trazado de 16 quilómetros, o pelotón rodaba compacto e ao grupo formado polas corredoras Júnior, Sub-23, Elite e Máster incorporáronse as ciclistas cadetes, que tiñan que completar un xiro menos. No segundo paso pola liña de meta de Vilalonga o tamaño da cabeza da carreira xa se reducira considerablemente, cunha decena de unidades á fronte, e no derradeiro parcial un terceto abriu oco.
Tamara Seijas, Inés Santalla e Vega Aldrey presentáronse no treito final do percorrido de 48 quilómetros con máis de medio minuto de vantaxe. Deste xeito, as tres garantíanse a medalla de ouro nas súas categorías e a elite do Supermercado Froiz rematou primeira co mesmo tempo que a júnior do Río Miera-Meruelo e que a cadete do Cambre. A cuarta praza correspondeu, a 46” segundos da gañadora, á elite uzbeka Madina Kakhkhrova (Kiwi Atlántico-Craega), corredora que non contaba para a clasificación do Campionato de Galicia.
A nova campioa elite Tamara Seijas recibiu a camisola da Federación Ciclismo Galego escoltada pola súa compañeira de equipo María Jesús Barros e por Iria Nieto (Team Oiense Women), que se colgaron as medallas de prata e a de bronce, respectivamente. O segundo posto júnior por detrás de Inés Santalla obtívoo Irene Signo (La Sede Bicycles-Tenerife), mentres que o terceiro chanzo no podio da carreira ocupouno Ivet Dimitrova (HYD – Ciudad de Salamanca) e na entrega de premios do campionato, Xiana Mardaraz (Cambre). En canto ás cadetes, Xiana Seijo (Caimanes Betanzos) bateu a Antía Torres (Teis) no esprint pola segunda posición e as dúas acompañaron no caixón a Vega Aldrey.
A única corredora que repetiu título encabezou un ‘dobrete’ da súa formación. Andrea Prado ergueu os brazos como primeira Sub-23, un éxito rubricado cunha cómoda vantaxe de case 3 minutos respecto a outra representante do Team Farto-Kiroot, a Carmen Mallo.
Unha vez que concluíu a competición feminina, neste evento que reuniu a preto de 100 participantes entraron en escena os cadetes masculinos. A carreira resultou moi rápida, completándose os 48 quilómetros a unha velocidade media de 41 km/h. A última das tres voltas ao circuíto comezou cun quinteto gozando dunha mínima marxe. O pelotón botóuselle enriba pouco máis tarde, antes de que se producira un movemento decisivo ao marcharse por diante catro corredores.
A unidade entre os fuxidos rachouna a 6 quilómetros para a meta Héctor Rodríguez. O seu ataque non atopou resposta e o corredor do Cambre impúxose en solitario. A 20” do seu compañeiro de equipo entrou como segundo clasificado Lucas Blanco, culminando unha remonta na parte final que o levou a saltar dende o pelotón para conectar cos dous ciclistas aos que bateu nos últimos metros. Manuel Souto (Xesteiras) conseguiu a medalla de bronce e Sergio Cao (Estradense) quedouse coa de ‘chocolate’.
Os premios de todas as categorías entregáronos o concelleiro de Deportes de Sanxenxo, Marcos Guisasola; a concelleira de Servizos Sociais, Paz Lago; o corredor máster Saúl Torres; e o presidente da Federación Ciclismo Galego, Juan Carlos Muñiz. A próxima cita con este deporte na comarca do Salnés chegará o xoves en Ribadumia, onde se vivirá a contra o reloxo inaugural da Volta a Galicia Elite e Sub-23.
AVISOS
CARRETERA
CARRETERA
CARRETERA
CARRETERA
CARRETERA
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es