Facebook Twitter Youtube Instagram Español

La Vuelta Femenina 26 by Carrefour.es comezará con catro tiradas en Galicia

10 DE MARZO DE 2026

Marín-Salvaterra, Lobios-San Cibrao, Padrón-A Coruña e Monforte-Antas de Ulla, as tiradas na nosa comunidade entre o 3 e o 6 de maio

La-Vuelta-Femenina-26-by-Carrefoures-comezara-con-catro-tiradas-en-Galicia

O Auditorio Municipal de Ribeira foi o escenario escollido por La Vuelta Femenina by Carrefour.es para a posta de longo da súa edición 2026, a cuarta da súa nova historia. Con sete etapas a disputar entre o domingo 3 e o sábado 9 de maio, arrincando desde Galicia para culminar no asturiano Alto de L’Angliru, a gran rolda española promete un enorme espectáculo grazas a un percorrido moi duro e particularmente propicio para as escaladoras. A ouro olímpico e vixente campioa do Tour de Francia, Pauline Ferrand-Prévot, xa confirmou a súa presenza na carreira. Tamén o fixeron a súa lendaria compañeira do Visma-Lease a Bike, Marianne Vos; a estrela belga Lotte Kopecky (SD Worx-Protime); a poderosa suíza Marlen Reusser, líder de Movistar Team e segunda na xeral final do ano pasado; ou as referentes españolas Mavi García e Paula Blasi, do UAE Team ADQ.

Galicia acollerá as catro primeiras etapas, nas cales será tanto escenario como protagonista; e é que as estradas galegas son reputadas por apenas ofrecer descanso ás pernas, cun constante sobe e baixa resumido nos case 8.000 metros de desnivel positivo que deberán salvar as ciclistas en pouco máis de 450 quilómetros. Tanto a xornada inicial entre Marín e Salvaterra de Miño, en Pontevedra, como a segunda entre Lobios e San Cibrao das Viñas, en Ourense, inclúen dificultades tanto ao longo do seu percorrido como no terzo final que impedirán unha chegada masiva; e outro tanto se pode dicir a cuarta xornada entre Monforte de Lemos e Antas de Ulla, en Lugo, cuxo final picará cara arriba. A mellor oportunidade para as velocistas chegará o terceiro día, entre Padrón e A Coruña, cunha meta plana a cidade herculina.

imagen

 

As tiradas de La Vuelta Femenina 26 by Carrefour.es:

·       Domingo 3 de maio, 1ª etapa: Marín > Salvaterra de Miño (113 km)

·       Luns 4 de maio, 2ª etapa: Lobios > San Cibrao das Viñas (109 km)

·       Martes 5 de maio, 3ª etapa: Padrón > A Coruña (121 km)

·       Mércores 6 de maio, 4ª etapa: Monforte de Lemos > Antas de Ulla (115 km)

·       Xoves 7 de maio, 5ª etapa: León > Astorga (119 km)

·       Venres 8 de maio, 6ª etapa: Gijón/Xixón > Les Praeres. Nava (106 km)

·     Sábado 9 de maio, 7ª etapa: La Pola Llaviana/Pola de Laviana > L'Angliru (132 km)

 

Máis información 

Fonte: La Vuelta Femenina 26 by Carrefour.es

 

 

 

     
   

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es