Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Damián Ramos anótase en Ostende o seu segundo triunfo na Copa do Mundo

07 DE MAYO DE 2024

O paraciclista coruñés vestiuse de líder e garantiu a vitoria final na xeral C4 logo de impoñerse na contra o reloxo e facer terceiro na proba en liña

Damian-Ramos-anotase-en-Ostende-o-seu-segundo-triunfo-na-Copa-do-Mundo

Fotos: RFEC / LP's Photography

Catro meses despois Damián Ramos repetiu en Ostende (Bélxica) os sensacionais resultados logrados en Adelaida (Australia). O paraciclista coruñés da clase 4 de bicicleta adaptada venceu na contra o reloxo individual e rematou terceiro na carreira en liña do segundo evento da temporada na Copa do Mundo de Ciclismo Paralímpico. Outro test máis que positivo de cara aos Xogos de París. 

Formando parte da selección española, o corredor do Lasal Cocinas - Craega volveu ser o máis forte na CRI disputada o pasado venres. Detivo o reloxo en 26 minutos e 12 segundos, un tempo do que quedou a 6" o francés Kevin Le Cunff e a 9" o británico Archie Atkinson.

Os tres primeiros na 'crono' volveron subir ao podio dous días máis tarde. A carreira de fondo do domigo resolveuse nun esprint de cinco paraciclistas C4 e o máis rápido foi Le Cunff. O galo superou a Atkinson e Ramos, vixente campión de Europa en liña, obtivo o terceiro posto. Os puntos sumados polo herculino permitíronlle vestirse de líder  e garantir a vitoria final na xeral da Copa do Mundo a falta dun evento, o de Maniago (Italia).

O paraciclismo galego contou con outro representante en Ostende. O handbiker Iván Montero (Neuroimpulse-Galicia) competiu coas cores do seu equipo na clase 5 e terminou máis satisfeito co seu rendemento na proba de fondo (13ª) que na contra o reloxo (16º).

imagen

Clasificacións 

Máis información

 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es