Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Dez medallas para o ciclocrós galego no tráxico Campionato de España de Torrelavega

18 DE ENERO DE 2021

Iván Feijoo (Nesta), gañador sub23 por terceiro ano consecutivo, e Laura Mira (Selección de Galicia), prata nas juniors, subiron ao podio na terceira e última xornada

Dez-medallas-para-o-ciclocros-galego-no-traxico-Campionato-de-Espana-de-Torrelavega

Fotos: RFEC

Non resulta nada doado botar a vista atrás e volver referirnos ao Campionato de España de Ciclocrós de Torrelavega. Porén, tampouco sería xusto pasar por alto os resultados acadados polos representantes galegos na terceira e última xornada, a do tráxico domingo 10 de xaneiro. O ouro de Iván Feijoo na carreira sub23 e a prata de Laura Mira na proba júnior elevaron a dez a colleita de metais dos nosos ciclistas na primeira gran cita estatal do 2021. Un éxito dedicado a un dos seus principais artífices, a Guillermo Sande. Seguro que o aplaudiu dende o ceo. 

Por terceiro ano consecutivo, Feijoo impúxose na categoría sub23. O alaricano do Nesta-Skoda tivo que agardar nesta ocasión ata a última volta para sentenciar o título. O cara a cara que mantivo con Jofre Cullell decidiuse por unha caída do corredor da selección catalana. O terceiro chanzo do caixón ocupouno Xabier Murias (Laboral Kutxa). 

"A primeira volta démola un pouco controlando, recoñecendo o circuíto e xa a partir da segunda Jofre e eu xa abrimos distanicas. Foi un man a man, fómonos vixiando un pouco e vendo onde o facía mellor un e o outro. Sabía que podría ter unha oportunidade na zona da area. Na última volta deino todo aí, abrín uns metros e xa ata meta. Moi contento de poder levar a camisola 'rojigualda' un ano máis", relatou Feijoo. 

En canto aos corredores da Selección de Galicia, Ángel Maneiro obtivo a duodécima posición, David Fernández terminou 16º e Borja Gómez, 27º. 

A décima medalla do ciclocrós autonómico conseguiuna unha corredora que prolongou o seu idilio co Campionato de España de Ciclocrós. Tras colgarse en Pontevedra o ouro cadete no 2020, Laura Mira fíxose coa prata júnior en Torrelavega. Co maillot de Galicia, a porriñesa do Avanza cruzou a liña de meta a 2:04 da gañadora Lydia Pinto (Asturias) e con 33 segundos de marxe sobre a terceira clasificada Ainara Albert (Internacional Cycling). Sofía Álvarez, 12ª, e Sonia Domínguez, 24ª, foron as outras dúas representantes do combinado autonómico nesta carreira. 

Ao mesmo tempo que as juniors competiron as elite-sub23, con Carla Fernández (Selección de Galicia) finalizando 16ª -sexta sub23- e coa campioa galega elite Irene Trabazo (XSM) tendo que abandonar por mor dunha caída. 

Tamén resultou accidentada a carreira raíña masculina para o campión galego elite. Saúl López sufriu unha avaría cando estaba pugnando pola sétima praza e tivo que conformarse con concluír 15º, por detrás do seu compañeiro de selección Daniel López, que se quedou ás portas do top-10 ao rematar undécimo. 

Catro ouros (Iván Feijoo nos sub23, Miguel Rodríguez nos juniors, Montserrat Martínez nas máster-30 e Isabel Castro nas máster-50), tres pratas (María Filgueiras nas cadetes, Laura Mira nas juniors e Eva Ortega nas máster-30) e tres bronces (Uxía Soto nas cadetes, Miguel Porto nos máster-30 e José Rodríguez 'Tamy' nos máster-40) foi o balance de medallas da delegación galega. Un '10' in memoriam de Guille.

Máis información

 

 

 

GALERÍA DE FOTOS

Dez medallas para o ciclocrós galego no tráxico Campionato de España de Torrelavega
Dez medallas para o ciclocrós galego no tráxico Campionato de España de Torrelavega
 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es