Este domingo, 26 de outubro, a localidade lucense de Taboada converterase nun dos epicentros do ciclismo galego coa celebración do II Ciclocross Concello de Taboada, terceira xornada da Copa Galicia de CX, e tamén puntuable para o Ranking estatal na categoría 1.33.5.
Esta cita deportiva reunirá a tres centenares de ciclocrosistas procedentes de toda Galicia, que competirán nun circuíto técnico e esixente, deseñado para poñer a proba a resistencia, a habilidade e a paixón polo barro que caracteriza esta modalidade.
O evento do Club Ciclista Chantadino está organizado co apoio da Área de Cultura, Deporte e Medio Rural do Concello de Taboada, da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e da Federación Ciclismo Galego. A maiores agradécese ao Concello de Chantada a súa colaboración co préstamo de vallas de seguridade e sinalización de tráfico.
A proba desenvolverase dende as 10:00 horas nun entorno natural privilexiado. Desde a Área de Deportes do Concello de Taboada, convídase á veciñanza e aos afeccionados ao deporte a participar activamente, animar aos corredores e compartir unha xornada de convivencia, esforzo e promoción do deporte galego.
Fonte: Concello de Taboada