19 DE OCTUBRE DE 2025
Fotos: Luz Iglesias
Na véspera de que o primeiro tren de borrascas do outono comezara a cruzar a nosa comunidade, a Copa Galicia de Ciclocrós celebrou este sábado en Betanzos o segundo dos dez eventos do seu calendario. Tal e como acontecera a fin de semana anterior na apertura do certame no Porriño, o circuíto do Parque do Pasatempo esixiu unha boa dose de técnica sobre un terreo seco. A esas condicións adaptáronse mellor que ninguén nas quendas raíñas a sub-23 Sarela Conde (Academia Postal - Maceda) e o sub-23 Ricardo Buba (Coruxo) nunha xornada que provocou doce cambios de líderes na clasificación xeral.
O Caimanes Betanzos recibiu a 261 participantes nun día de loito para a entidade organizadora e para o todo o ciclismo galego despois do pasamento o día anterior de Rodrigo Filgueiras, quen foi directivo e ciclista do club betanceiro. As corredoras e os corredores do equipo anfitrión homenaxearon ao seu compañeiro lucindo un brazalete negro. Dende a Federación Ciclismo Galego transmitimos o noso máis sentido pésame aos familiares e amigos de Rodrigo. Descanse en paz.
O VIII Ciclocrós Concello de Betanzos ofreceu varios desenlaces apaixoantes. Pola vitoria elite e sub-23 masculina batallaron ata a última das sete voltas Ricardo Buba, Fabián Rodríguez (Cambre) e Luis Fernández Oliveira (Avanza-O Porriño). O representante do Coruxo e portador da camisola da xeral sub-23 soubo administrar no treito final unha vantaxe pequena, pero suficiente para conseguir o seu primeiro triunfo absoluto da temporada. A 9 segundos do gondomareño rematou como vencedor elite Fabián Rodríguez e medio minuto despois cruzou meta Luis Fernández Oliveira, novo líder elite. O sub-23 Denis González (Avanza-O Porriño) e Santiago Otero (XSM) concluíron cuarto e quinto, respectivamente.
En ningunha carreira masculina o gañador impúxose por máis de 30 segundos. Nos cadetes incluso se viviu un axustadísimo esprint no que Aarón Rodríguez (Lynalfa-Ponteareas) bateu a Pedro Cidrás (XSM). O club ponteareán tamén se adxudicou a proba júnior con Jorge Lorenzo dominando por diante do seu compañeiro de equipo Mateo Ledo, mentres que nos infantís o máis rápido foi Sergio Villaverde (Avanza-O Porriño). En canto aos grupos de idade Máster, subiron ao máis alto do podio Jonathan Sousa (In Situ) en M30, Constantino Muñoz (Grupeta Pan de Zarko) en M40, Eloy Otero (In Situ) en M50 e Manuel Bugallo (Biciosos-Rías Baixas) en M60 cunha diferenza de só 2" sobre Manuel Gómez (Bici Verde).
Vencedora absoluta a pasada campaña de tres xornadas, Sarela Conde estreou en Betanzos a súa conta deste curso. A macedá encabezou por 1 minuto de marxe unha competición na que as sub-23 coparon os catro primeiros postos. Uxía Soto (Extol-Zambora.es) terminou segunda, Sara Peón (XSM) completou o podio e asaltou o liderado, e a Fátima González correspondeulle a cuarta praza. María Jesús Barros,quinta clasificada, (Supermercados Froiz) apuntouse a vitoria elite e pasou a comandar a xeral da súa categoría.
Outro triunfo incontestable asinou a local Xiana Seijo (Caimanes Betanzos) na carreira júnior, todo o contrario que entre as cadetes, con Marta Utrera (Armenteira e Punto) dobregando sobre a mesma liña de chegada a Nerea Soto (Lynalfa-Ponteareas). A infantil Aroa García (Cambre), a máster-30 Carolina Palomanes (Sport Bike Verín) e a máster-40 Beatriz Vicente (Podium Team) tamén inscribiron o seu nome no palmarés desta cita. O premio de mellor club obtívoo por segunda xornada o Lynalfa-Ponteareas.
Unicamente catro clasificacións xerais non rexistraron cambio de líder. O infantl Sergio Villaverde, o sub-23 Ricardo Buba, a máster-30 Carolina Palomanes e o máster-50 Eloy Otero suman pleno de puntos. Nos outros doce rankings as camisolas da Copa Galicia de Ciclocrós pertencen agora á infantil Aroa García, á cadete Marta Utrera, ao cadete Sergio Pérez (Avanza-O Porriño), á júnior Xiana Seijo, ao júnior Jorge Lorenzo, á sub-23 Sara Peón, á elite María Jesús Barros, ao elite Luis Fernández Oliveira, ao máster-30 Jonathan Sousa, á máster-40 Beatriz Vicente, ao máster-40 Daniel Vázquez (In Situ) e ao máster-60 Manuel Bugallo.
O vindeiro domingo o certame autonómico desprázase á provincia de Lugo. O II CX Concello de Taboada exerecerá de terceira xornada puntuable.
Toda a información sobre a Copa Galicia de Ciclocrós está dispoñible na súa sección dentro desta mesma páxina web e tamén podes atopala nas redes sociais a través do cancelo #CopaGaliciaCX
CICLOCROSS
CICLOCROSS
CICLOCROSS
CICLOCROSS
CICLOCROSS
FORMACIÓN
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es