08 DE NOVIEMBRE DE 2025
Fotos: Luz Iglesias
A primeira fin de semana da temporada con dobre cita da Copa Galicia de Ciclocrós abriuse este sábado nun circuíto singular. Por cuarto ano consecutivo, o Trofeo Montes de Eiras disputouse entre os viñedos da adega Terras Gauda no Rosal. Un trazado especial que se pode catalogar como o xardín da macedá Sarela Conde (Academia Postal-Maceda) e do vigués Samuel González (Máis Que Bicis). Ambos conseguiron a súa terceira vitoria neste escenario.

A XXVII edición proba organizada polo Club Ciclista O Rosal, cunha inscrición de 249 participantes, exerceu de cuarta cita puntuable para o certame autonómico e foi a primeira desta campaña en Galicia na que a lama obrigou a botar a bicicleta ao lombo. Repetindo o duelo ofrecido na apertura da Copa, os elites Samuel González e Anxo Carril (Coruxo) pugnaron polo triunfo absoluto na carreira raíña masculina. Nesta ocasión tamén se impuxo o corredor do Máis Que Bicis, ao bater por 42 segundos ao nigranés e vencendo por terceiro ano consecutivo no Rosal. Terceiro finalizou Ricardo Buba (Coruxo), primeiro sub-23, lixeiramente por diante do líder elite Luis Fernández (Oliveira) e do sub-23 Néstor Frías (Ribadumia), cuarto e quinto, respectivamente.
Samuel González suma dúas vitorias este ano na Copa Galicia e un máis leva Sarela Conde. Gañadora en Betanzos e en Taboada, a corredora do Academia Postal - Maceda calcou o guion das dúas anteriores xornadas. Marchouse en solitario para erguer os brazos no mesmo circuíto onde xa o fixera no 2022 sendo júnior e o ano pasado xa como sub-23. A 2 minutos da ciclista ourensá cruzou a liña de meta como primeira elite Iria Nieto e 1' máis tarde que a representante do Team Oiense Women concluíu a sub-23 Uxía Soto (Extol-Zambora.es) na terceira praza absoluta. O cuarto e o quinto posto corresponderon ao Máis Que Bicis, coa elite Rebeca Fontela rematando antes que a sub-23 Fátima González.

No resto das categorías subiron ao máis alto do podio a infantil Uxía Giráldez (Avanza-O Porriño) e o infantil Jorger Martín (Avanza-O Porriño), a cadete Lara Fernández (Cambre) e o cadete Mateo Hermida (Lynalfa-Ponteareas), a júnior Xiana Seijo (Caimanes Betanzos) e o júnior José Manuel Pintos (Lynalfa-Ponteareas), o máster-30 Yago Pico (As Pontes), a máster-40 Marina González (Illas Cíes) e o máster-40 Alejandro Mesías (Ciclos Quintena), a máster-50 María Andia Nogueras (Ser e Parecer) e o máster-50 Eloy Otero (In Situ), e o máster-60 Manuel Bugallo (Biciosos-Rías Baixas). O trofeo de mellor equipo obtívoo o Lynalfa-Ponteareas.
Seis clasificacións da Copa Galicia cambiaron de líder no Rosal. A cadete Nerea Soto (Lynalfa-Ponteareas), o cadete Mateo Hermida, a sub-23 Sarela Conde, o sub-23 Ricardo Buba, a máster-40 Marina González e a máster-50 María Andia Nogueras pasaron a encabezar os seus rankings. As camisolas da xeral consérvanas Uxía Giráldez e Sergio Villaverde (Avanza-O Porriño) en Infantil, Xiana Seijo e Jorge Lorenzo (Lynalfa-Ponteareas) en Júnior, María Jesús Barros (Supermercados Froiz) e Luis Fernández Oliveira, Carolina Palomanes (Sport Bike Verín) e Jonathan Araújo (In Situ) en Máster-30, Constantino Muñoz en Máster-40, Eloy Otero en Máster-50 e Manuel Bugallo en Máster-60.


Este domingo, dende as 10:00 horas, o circuíto do Polígono Industrial de Cataboi no Porriño acolle o IV CX Grupeta Pan de Zarko, quinta xornada puntuable do certame coordinado pola Federación Ciclismo Galego. Toda a información sobre a Copa Galicia de Ciclocrós está dispoñible na súa sección dentro desta mesma páxina web e tamén podes atopala nas redes sociais a través do cancelo #CopaGaliciaCX
CICLOCROSS
CICLOCROSS
CICLOCROSS
FORMACIÓN
CICLOCROSS
CICLOCROSS
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es