01 DE DICIEMBRE DE 2025
Fotos: Luz Iglesias
Borja Gómez Méndez, o corredor máis carismático do ciclocrós galego, deu nome por quinta edición consecutiva á proba de CX que organiza o club que apadriña, o Lynalfa-Ponteareas. No mesmo escenario que a principios de ano acolleu o Campionato da nosa comunidade, a Copa Galicia alcanzou este domingo a súa sétima xornada puntuable. Da intensa chuvia na véspera en Nigrán pasouse a un día totalmente despexado e no esixente circuíto da Freixa brillaron baixo o sol Lorena Patiño (Cardedeu) e Miguel Rodríguez (Supermercados Froiz), referentes estatais desta modalidade.
Cunha inscrición similar á da véspera, de novo con máis de 250 participantes, ao desgaste realizado sobre o barro de Porto do Molle engadiuse a dureza do trazado ponteareán. Aínda que o Campo de Pardellas repetiu como epicentro, o sentido do circuíto cambiou respecto ao Campionato de Galicia do pasado mes de xaneiro e as ramplas costa arriba multiplicaron a súa relevancia. Un percorrido selectivo no que se marcaron diferenzas e houbo que cargar coa bicicleta ao lombo.
Na súa primeira aparición desta campaña na Copa Galicia, a marinense Lorena Patiño estreou a súa conta de vitorias como sub-23 en terriotorio autonómico. A tres veces campioa de España exhibiuse nunha carreira que dende a primeira volta tivo moi marcadas as catro primeiras posicións. Por detrás da ciclista de Marín rodou a súa paisana Irene Trabazo (XSM), que se faría co primeiro posto elite a algo máis de un minuto e medio da gañadora absoluta. En solitario tamén pedalearon as sub-23 Sarela Conde (Academia Postal-Maceda), terceira, e a local Uxía Soto (Extol-Zambora.es) mentres que a emoción concentrouse na loita pola quinta praza que se adxudicou a elite Iria Nieto (Team Oiense) con 5 segundos de marxe sobre a sub-23 María Filgueiras (XSM).
O resto de triunfos na quenda feminina resolvéronse cunha claridade semellante á da carreira Elite e Sub-23. Xiana Seijo (Caimanes Betanzos) impúxose na categoría Júnior; Vega Aldrey (Cambre), na Cadete; Uxía Giráldez (Avanza-O Porriño), na Infantil; e Marina González (Illas Cíes), na Máster-40. Ningunha camisola de líder cambiou de propietaria.
Si que houbo novidades, e por segunda xornada consecutiva, no máis alto da táboa elite masculina. Anxo Carril (Coruxo), que se vestira de líder 24 horas antes, está agora empatado a puntos con Samuel González, a quen lle corresponde o maillot da Copa ata a vindeira xornada. O vigués do Máis Que Bicis completou a primeira das sete voltas xunto ao tamén elite Miguel Rodríguez. O ponteareán do Supermercados Froiz buscaba no seu concello a súa terceira vitoria consecutiva no certame autonómico e comezou a abrir oco en relación ao seu principal rival no segundo xiro ao circuíto. Finalmente, o gañador sub-23 na última edición do Campionato de España ergueu os brazos con 1 minuto e 22 segundos de vantaxe. O segundo posto de Samuel González non correu perigo en ningún momento. Anxo Carril entrou terceiro logo de rodar boa parte da carreira xunto ao seu compañeiro de equipo Ricardo Buba, primeiro sub-23, e a quinta posición acadouna Raúl Puelles (Supermercados Froiz), debutante esta temporada na categoría sub-23.

Entre os júniores, Marcos Rodríguez (Academia Postal-Maceda) impediu con autoridade o triunfo local, batendo ao líder Jose Manuel Pintos e Mateo Ledo, ambos do Lynalfa-Ponteareas.. O mesmo aconteceu nos cadetes con Guillermo García (Avanza-O Porriño), actual líder da Copa de España, vencedor por diante dos representantes ponteareáns Aarón Rodríguez e o líder Mateo Hermida. O chanzo máis alto do podio infantil ocupouno Jorge Martín (Avanza-O Porriño), asaltando a primeira praza da xeral, e nos grupos de idade Máster anotáronse as vitorias Francisco Baña (Cidade de Santiago) en M30, Moisés Leboso (G.D. 10) en M40, Eloy Otero en M50 e Darío Buceta (Farto) en M60. O trofeo de mellor club quedou na casa ao sumar o Lynalfa-Ponteareas máis puntos que ningunha outra estrutura.
A falta de tres xornadas para a conclusión da Copa Galicia, os rankings do certame coordinado pola Federación Ciclismo Galego (FCG) están comandados por Uxía Giráldez e Jorge Martín en Infantil, Nerea Soto e Mateo Hermida en Cadete, Xiana Seijo e Jose Manuel Pintos en Júnior, Sarela Conde e Ricardo Buba en Sub-23, Iria Nieto e Samuel González en Elite, Carolina Palomanes (Sport Bike Verín) e Mauro González (Salvaterra) en Máster-30, Marina González e Constantino Muñoz (Grupeta Pan de Zarko) en Máster-40, María Andia (Ser e Parecer) e Eloy Otero en Máster-50, e Manuel Bugallo (Biciosos-Rías Baixas) en Máster-60. Nas entregas de premios participaron Juan Carlos Carrera, tenente de alcaldesa de Ponteareas; Nicolás Rodríguez, concelleiro de Deportes; Majo Bastos, presidenta do Lynalfa-Ponteareas; e Óscar Sánchez, presidente da FCG.


A vindeira fin de semana haberá de novo dobre entrega da Copa Galicia, o sábado en Boiro e o domingo en Esmelle. Toda a información sobre esta competición está dispoñible na súa sección dentro desta mesma páxina web e tamén podes atopala nas redes sociais a través do cancelo #CopaGaliciaCX
CICLOCROSS
CICLOCROSS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
CICLOCROSS
CICLOCROSS
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es