18 DE NOVIEMBRE DE 2025
Fotos: RFEC
A Selección de Galicia estreou ao grande o seu calendario de probas de ciclocrós correspondente á temporada 2025-2026. O combinado dirixido por Jose Alberto del Río acudiu con dez cadetes á quinta xornada puntuable da Copa de España e obtivo este domingo un dobre podio na carreira masculina do XIII Ciclocross Alcobendas Ciudad Europea del Deporte 2025. O líder da xeral Guillermo García venceu en solitario e Aarón Rodríguez fixo terceiro no circuíto madrileño.
Gañador de tres das anteriores catro citas do certame estatal, o portador da camisola da Copa deu un importante pasao cara ao título. Guillermo García goza agora dunha vantaxe de 50 puntos cando restan tres eventos por disputarse. O corredor do Avanza-O Porriño impúxose en Alcobendas con 22 segundos de marxe respecto ao madrileño Alberto García (Sanse). O duelo pola terceira praza decantouno ao seu favor Aarón Rodríguez, distanciándose en 15" de Joanes Aldaba (Navarra). O ciclista do Lynalfa-Ponteareas rematou a 50" do seu compañeiro de selección. Outro posto entre os dez primeiros logrou Mateo Hermida, sexto, mentres que Pedro Cidrás entrou 12º e Sergio Pérez, 28º.
A súa fortaleza como bloque tamén a amosaron as representantes femininas da Selección de Breogán. As cinco ciclocrosistas de Galicia finalizaron entre as 13 primeiras cadetes. A mellor clasificada foi Vega Aldrey, sétima a 1:15 da vencedora, a vasca Noa Vega (Baqué Movistar). A continuación da ciclista do Cambre completaron o top-10 Lara Fernández -oitava-, Clara Pintos -novena- e Nerea Soto -décima-. A 13ª posición asinouna Marta Utrera.

Máis alá da actuación da Selección, nunha experiencia que serviu como ensaio para o Campionato de España que se celebrará en Tarancón o vindeiro mes de xaneiro, Marcos Rodríguez (Academia Postal - Maceda) sobresaíu no balance do CX galego coa súa cuarta praza na proba júnior. En canto ao apartado feminino, a júnior Xiana Seijo (Caimanes Betanzos) cruzou a liña de meta na novena posición e na carreira raíña a elite Irene Trabazo e a sub-23 María Filgueiras, ambas do XSM, concluíron novena e décima, respectivamente.
Máster
O grupo de idade Máster-60 resolveuse cun dobrete do noso ciclocrós. Marcial Rodríguez (QuéBici-Marcisport) adxudicouse o triunfo por 40" de diferenza sobre Darío Buceta (Farto). Os outro podios da nosa comunidade acadáronos Beatriz Vicente (Podium Team), segunda máster-40, mesma posición na que se mantén na xeral, e Manuel Armada (Cidade de Santiago), segundo máster-50, categoría que segue liderando Eloy Otero (In Situ), sexto en Alcobendas, un posto por diante de Guillermo Álvarez (Cambre). Por último, no que respecta á competición máster-40 masculina, Ángel Vilanova (Compostelano) terminou sexto e Constantino Muñoz (Grupeta Pan de Zarko), décimo.

A Copa de España alcanzará a súa sexta e antepenúltima xornada este domingo na localidade barcelonesa de Vic.
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es