Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Pontevedra acollerá o Campionato de Europa de Ciclocrós 2024

21 DE JUNIO DE 2022

A capital das Rías Baixas, que foi escenario do Campionato de España no 2019 e 2020, albergará a loita polo título continental da modalidade dentro de dous anos.

Pontevedra-acollera-o-Campionato-de-Europa-de-Ciclocros-2024

Pontevedra continúa apostando polo mellor ciclocrós e en 2024 converterase en sede do Campionato de Europa da disciplina.

A sede do Consello Superior de Deportes foi o escenario elixido este martes para anunciar o acordo polo que a capital das Rías Baixas acollerá a loita polo título continental en 2024. Pontevedra, que celebrou o Campionato de España de ciclocrós en 2019 e 2020, ademais de contar nos últimos anos cunha proba na Copa de España, consolidouse como un dos enclaves estatais con maior paixón por unha disciplina cada vez máis en auxe como o ciclocrós.

O acto contou coa presenza de José Manuel Franco, presidente do Consello Superior de Deportes; Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde Pontevedra; Gorka Gómez Díaz, deputado provincial; Tino Fernández González,  Concelleiro de Deportes; Enrico Della Casa, presidente da Unión Europea de Ciclismo; José Luis López Cerrón, presidente da Real Federación Española de Ciclismo e Juan Carlos Muñiz, presidente da Federación Ciclismo Galego.

Ademais, tamén participaron o seleccionador galego de ciclocrós, Alberto del Río, e os  ciclocrosistas María Filgueiras e Miguel Rodríguez.

Lars Van der Haar, Eli Iserbyt ou Mathieu Van der Poel ata en tres ocasiones nos últimos anos vestiron unha camisola de campión de Europa que en 2024 poñerase en xogo en Pontevedra grazas ao esforzo do municipio, a Deputación de Pontevedra e a Federación Ciclismo Galego en colaboración coa Real Federación Española de Ciclismo. “Estamos encantados de acoller un evento desta magnitude. A nosa aposta polo deporte é clara e por toda a actividade que xera ao redor. Eventos deste tipo sempre resultan rendibles e xeran un importante sentimento de pertenza”, declarou o alcalde de Pontevedra, Miguel  Anxo Fernández Lores, durante o acto.

"Acoller o Campionato de Europa de Ciclocrós é todo un orgullo para o noso país. Este evento supoñerá un novo paso no crecemento do Ciclocrós en España: unha evolución claramente patente nos últimos anos, tanto a nivel de calendario nacional, como de resultados internacionais e, agora, albergando unha Copa do Mundo en Benidorm e este Campionato de Europa en Pontevedra que farán as delicias dos moitos afeccionados ao ciclocrós", esgrimía pola súa banda José Luis López Cerrón.

Juan Carlos Muñiz, o presidente da Federación  Galega, mostrábase feliz e satisfeito polo traballo realizado: “Hoxe é un día de moitas emocións, de rubricar o traballo realizado nos últimos anos por todo o ciclocrós nacional. O poder traer o Campionato de Europa a Pontevedra non é só un éxito noso, senón de todo o ciclismo español. É un traballo de todas as federacións territoriais da man da Federación Española. Hai pouco estabamos a presentar esa Copa do mundo en Benidorm e hoxe podemos dicir que albergaremos un Campionato de Europa en 2024".

Enrico Della Casa, presidente da Unión Europea de Ciclismo, sinalaba pola súa banda que “para a  UEC é un pracer traer a España e a Pontevedra o Campionato de Europa; unha competición que foi seguida o ano pasado por once millóns de espectadores e que será, a bo seguro, un evento moi importante para a zona a nivel turístico”.

José Manuel Franco despedía o acto declarando que “para o CSD é unha honra, un orgullo, albergar a firma desta concesión do Campionato de Europa de Ciclocrós para unha cidade magnífica como é Pontevedra. É unha aposta moi importante e desde aquí quero felicitar a todos os axentes implicados: Concello, Deputación, Federación Española e Federación Galega…”. “O deporte é un importante reclamo turístico, non só é competición, é unha ferramenta xeradora de emprego e de riqueza no noso territorio; un vehículo  transmisor de valores e hábitos saudables”, finalizaba Franco.

 

GALERÍA DE FOTOS

Pontevedra acollerá o Campionato de Europa de Ciclocrós 2024
Pontevedra acollerá o Campionato de Europa de Ciclocrós 2024
 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es