Facebook Twitter Youtube Instagram Español

CX Pontevedra promociona o Campionato de Europa de Ciclocrós 2024 en Benidorm

25 DE ENERO DE 2024

Unha delegación da FCG, organizadora do Campionato de Europa de Ciclocrós que se disputará en novembro de 2024 en Pontevedra, asistiu á Copa do Mundo de Benidorm para promocionar a próxima gran cita de ciclocrós internacional no noso país

CX-Pontevedra-promociona-o-Campionato-de-Europa-de-Ciclocros-2024-en-Benidorm

Recta final do calendario de ciclocrós, cos Mundiais da disciplina ao virar a esquina e un espectáculo brutal grazas ás actuacións de Wout van Aert e Fem van Empel na última Copa do Mundo, a de Benidorm. O dobrete do equipo Visma Lease a Bike, en categoría masculina e feminina, serviu de escaparate tamén para a promoción do Campionato de Europa de Ciclocrós 2024 que se celebrará en Pontevedra.

Para aproveitar esta oportunidade de dar visibilidade a un evento que poñerá todas as miradas do ciclocrós europeo na Boa Vila, a Federación Ciclismo Galego (FCG) dispuxo un stand no que centos de afeccionados puideron coñecer o calendario de probas previstas. Espertouse así o interese de moitos deles por acudir á competición, e tamén do público estranxeiro presente en Benidorm. Será unha gran oportunidade de atraer o turismo internacional a Galicia e en concreto á provincia de Pontevedra coa súa capital como epicentro.

Por este stand tamén pasaron Lorena Patiño, recente campioa de España de ciclocrós; e Aroa Otero. Dúas promesas da disciplina que afrontan con especial ilusión a oportunidade de coroarse coa camisola de campioas de Europa na súa casa, en Pontevedra.

Aos afeccionados entregáronselles trípticos informativos, merchandising sobre o Campionato de Europa e información turística de Pontevedra e de Turismo de Galicia, facendo fincapé na celebración por primeira vez das mangas máster neste certame europeo. Isto supón a confirmación de que a participación de ciclistas practicamente duplicarase nunha proba disputada por seleccións nacionais e que ten como campións actuais a Michael Vanthourenhout (Bélxica) e Fem van Empel (Países Baixos).

Desde CX Pontevedra e a Federación Ciclismo Galego continuaranse realizando actividades de promoción para que o Campionato de Europa 2024 na Boa Vila sexa un éxito deportivo e tamén de asistencia.

GALERÍA DE FOTOS

CX Pontevedra promociona o Campionato de Europa de Ciclocrós 2024 en Benidorm
CX Pontevedra promociona o Campionato de Europa de Ciclocrós 2024 en Benidorm
 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es