12 DE JUNIO DE 2024
Fotos: RFEC
O municipio coruñés da Laracha encargouse de pechar durante a pasada fin de semana, e por segundo ano consecutivo, a Copa de España de Ciclismo Paralímpico de Estrada. O Gran Premio de Vilaño, o sábado, e o Gran Premio de Caión, o domingo, outorgaron os últimos puntos da temporada ás categorías de tándems, handbikes e bicicletas adaptadas, que disputaron unha carreira de fondo e unha contra o reloxo. En total, as corredoras e os corredores da nosa comunidade acadaron doce postos de podio.
A entidade organizadora, o Club Ciclista Riazor, preparou para o sábado un circuíto de 5,6 quilómetros con varias costas que marcaron importantes diferenzas na proba de fondo. O handbiker Iván Montero (Neuroimpulse-Galicia) asinou a vitoria galega da xornada na clase 5. Entre os tres primeiros das súas categorías tamén se clasificaron Ángel Plácido López (Inclusivo Enki) -segundo nas handbikes de clase 2-, Óscar López (Neuroimpulse-Galicia) -segundo na clase 3 de bicicleta adaptada- e Severino Mata (Ciclismo-Tríatlon Poio), -terceiro na clase 5 de bicicleta adaptada-.
Xa o domingo, disputouse unha esixente contra o reloxo sobre un trazado de 5,5 km. Iván Montero repetiu triunfo e tamén se impuxo Damián Ramos (Lasal Cocinas-Craega) na clase 4 de bicicleta adaptada, despois do día anterior ter sufrido un problema mecánico que lle impediu loitar pola vitoria. Os outros dous podios galegos no G.P. de Caión acadáronos Ángel Plácido López, de novo segundo, e Óscar López, esta vez terceiro.
A dobre cita na Laracha concluíu coa coroación das gañadoras e gañadores nas xerais da Copa de España. Iván Montero, único líder entre os representantes da nosa comunidade, sumou o seu quinto título do certame estatal. Segundo na súa categoría finalizou Ángel Plácido López, terceiro Óscar López e ata a terceira praza do ranking na clase 2 de bicicleta adaptada ascendeu Alberto Abalde (Neuroimpulse-Galicia) grazas aos puntos colleitados nesta fin de semana. Ademais de exercer de anfitrión na clausura do calendario, o Neuroimpulse-Galicia adxudicouse por quinta temporada consecutiva a táboa por equipos.
SELECCIÓNS
BMX
BMX
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es