Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Pablo Rodríguez asina o primeiro podio galego na Copa de España de Gravel

27 DE MARZO DE 2024

O corredor de Maceda escapouse xunto a Luis León Sánchez e o murciano anotouse a vitoria

Pablo-Rodriguez-asina-o-primeiro-podio-galego-na-Copa-de-Espana-de-Gravel

Fotos: RFEC

Dous referentes do ciclismo español durante os últimos anos sobre outro tipo de bicicletas exhibiron a súa calidade o pasado sábado na Copa estatal de Gravel. O macedao Pablo Rodríguez (Buff Megamo), na súa primeira temporada afastado do XCO, e o murciano Luis León Sánchez, meses despois de poñer o punto final a súa longa etapa no pelotón profesional de Estrada, foron os máis fortes na 114 Gravel Race de Badajoz e xogáronse a vitoria entre eles. O corredor de Mula dobregou nos metros finais ao ourensán, que conseguiu o primeiro podio galego na historía dun certame que vén de nacer. 

A segunda cita da primeira edición da Copa de España de Gravel ofreceu en terras estremeñas un itinerario moi rápido de 132 quilómetros e preto de 1.000 metros de desnivel acumulado á beira do río Guadiana. Luis León Sánchez, gañador da primeira xornada, atacou a falta de 30 km para a chegada e só Pablo Rodríguez conseguiu responder ao seu cambio de ritmo. Os dous abriron oco para presentarse no desenlace da carreira con 2 minutos de vantaxe e o corredor da Federación murciana fixo valer ese instinto gañador que lle permitiu como profesional anotarse catro tiradas do Tour de Francia ou dúas veces a Clásica de San Sebastián.

Ausente na apertura desta Copa, o ciclista de Maceda sumou 175 puntos en Badajoz e na xeral sitúase sexto. Os podios absoluto e elite completounos o madrileño Jesús del Nero (Vas Cycling).

imagen

O Gravel galego estivo a piques de colleitar unha segunda presenza no caixón. A elite Irene Trabazo (XSM) tamén debutou nesta modalidade e fíxoo cunha cuarta posición. A marinense, medalla de bronce este ano no Campionato de España de Ciclocrós, non puido no esprint pola terceira praza coa catalá Marta Tora (Sant Just). Ambas concluíron a pouco máis de 5' da asturiana Lucía González (Nesta), vixente campioa estatal de CX. A segunda praza correspondeu á catalá Patricia Ortega (Sant Just), líder da xeral elite, ranking no que a galega aparece no sétimo posto.

O seguinte evento desta Copa de España, a Castellón Gravel Race, será o penúltimo do calendario e celebrarase o 11 de maio. 

Máis información

GALERÍA DE FOTOS

Pablo Rodríguez asina o primeiro podio galego na Copa de España de Gravel
 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es