A Lalín Bike Race-Xacobeo 2021 acolle este domingo o Campionato de España de XC Maratón

28 DE AGOSTO DE 2021

A saída darase ás 09:00 horas

A-Lalin-Bike-Race-acolle-este-domingo-o-Campionato-de-Espana-de-XC-Maraton-

Despois de formar parte en anos anteriores do calendario do Open de España de Maratón e de Ultramaratón, destacando como unha das probas que mellor impresión deixaba nos participantes, a Lalín Bike Race será a encargada de acoller este domingo 29 de agosto a disputa do Campionato de España de XC Maratón.

A proba, que estará organizada polo Extol MTB Team e o Club Montes do Deza, contará con inicio e fin na localidade pontevedresa de Lalín, desde onde tomarán a saída máis de 500 ciclistas. Este estatal de XCM propoñerá un percorrido de 90 km con máis de 2.800 metros de desnivel que poñerán a proba o nivel físico e técnico de quen busque o título, pois será esixente en ambos os sentidos. As mulleres, pola súa banda, realizarán un trazado algo máis curto, de 80 km, pero tamén con bastante desnivel acumulado, en concreto máis de 2.400 metros.

Percorrido masculino 

Percorrido feminino

No que respecta aos principais candidatos a alzarse coa coroa de Campión de España cabe destacar a presenza de Pablo Guerrero, que xa conquistou o ouro nesta mesma disciplina en 2019; Francesc Guerra, internacional coa Selección Española nesta mesma disciplina; Víctor Manuel Fernández, Ismael Ventura, Kevin Suárez, José Márquez, Miguel Muñoz, Paco Mancebo, entre outros.

Na disputa pola camisola de campioa de España o ramallete de favoritas preséntase algo máis reducido e cun nome que destaca notablemente por encima do resto. Falamos de Natalia Fischer, que está a render a altísimo nivel esta tempada na que xa se proclamou campioa de Europa da especialidade. As principais rivais da andaluza serán as galegas Lara Lois e Susana Alonso, as dúas defendendo as cores da Selección, ademais de María Díaz Pernía, Almudena Montalvo ou Arantxa Salvadó.

A saída deste Campionato de España de Maratón 2021 darase ás 9:00 h da mañá do domingo 29 de agosto desde a Praza de Galicia de Lalín. Toda a información sobre o que aconteza na proba poderedes atopala en redes sociais mediante o hashtag #CEMaratonLalin21.

Fonte: RFEC 

Convocatoria da Selección de Galicia

 

AUDIOS NOTICIA

  • doc_612776177887e0.65106774_masculi.jpg

  • doc_612776272fb0d6.80917889_femenino.jpg

 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es