12 DE ENERO DE 2025
Fotos: RFEC / Luz Iglesias
O Campionato de España de Ciclocrós regresou a Galicia cinco anos despois e nas Pontes o ciclismo galego igualou a histórica marca de medallas acadada no 2020 en Pontevedra. Once podios foi o balance dos especialistas da comunidade anfitrioa á conclusión de tres días de competición marcados polo barro e pola excepcional organización do Club Ciclista As Pontes Vilalba. O ouro do sub-23 Miguel Rodríguez (Supermercados Froiz) e o bronce do júnior Raúl Puelles (Selección de Galicia) pecharon este domingo a colleita de medallas do noso CX no enlamadísimo circuíto do lago.
A última xornada, a máis fría e solleira do Campionato, arrancou coa competición júnior dominada en solitario por Benjamín Noval (Asturias). Tampouco houbo cambios dende a primeira volta no segundo posto, que se adxudicou Raúl López (Cantabria) a 3 minutos e 15 segundos do gañador. A emoción concentrouse na pugna pola terceira praza e o betanceiro Raúl Puelles certificou nun sensacional último parcial a súa presenza no caixón. O representante da Selección Galicia rodaba xunto a Arkaitz Suso (Euskadi) cando soou a campá e acabou batendo ao vasco por 18 segundos, sen permitir que se lle achegara Martí Martínez (Catalunya), cuarto na liña de meta a 14 segundos do xuvenil do Caimanes de Betanzos.
O segundo mellor galego da carreira júnior foi Pedro Liaño (Cambre), oitavo. Xian Rodríguez (Padronés-Cortizo) terminou décimo terceiro, Santiago Rodríguez (XSM) fixo 22º e polo que respecta á Selección de Galicia clasificouse 28º Darío Buceta, 30º Xoel Cidrás e Diego Valladar abandonou.
A cita das Pontes supoñía a derradeira bala de Miguel Rodríguez para conquistar unha medalla de ouro sub-23 que se lle resistía. Terceiro no 2022 en Xàtiva e segundo no 2023 en Vic, o ponteareán non fallou na súa última temporada na categoría. Lucindo as cores do Supermercados Froiz, asinou unha exhibición maiúscula. Dende a primeira das cinco voltas tomou o mando e na segunda delas distanciouse definitivamente dos seus perseguidores. Demostrando que desfruta en circuítos enlamados, venceu con 1 minuto e 15 segundos de vantaxe sobre o seu compañeiro de equipo, o valenciano Raúl Mira, e xunto a eles estivo no podio Gorka Corres.
Tomás Pombo (Padronés-Cortizo) rematou duodécimo, 5 segundos por diante de Anxo Carril (Selección de Galicia), décimo cuarto. Por parte do combinado autonómico tamén competiron Martín Díaz -20º-, Fabián Rodríguez -23º- e o ciclista inclusivo Anxo Lorenzo -39º-.
Carreiras raíñas
As dúas últimas probas do programa do Campionato puxeron en xogo as coroas raíñas do ciclocrós estatal. Á asturiana Lucía González (Nesta-MMR) resistíuselle o seu sétimo título na carreira elite e sub-23. Impúxose a súa compañeira de equipo Sofía Rodríguez, obtendo a valenciana o seu primeiro ouro elite. O mellor resultado galego correspondeu á porriñesa Aroa Otero (Supermercados Froiz), quinta sub-23 e novena na táboa absoluta. Uxía Soto (Extol-Zambora.es) finalizou como décima sub-23 e décimo sexta na xeral, Iria Nieto (Team Oiense) sétima elite e décimo sétima na xeral, María Filgueiras (XSM) undécima sub-23 e décimo oitava absoluta, Laura Mira (Selección de Galicia) décimo terceira sub-23 e 21ª na xeral, e María Jesús Barros (Supermercados Froiz) novena elite e 22ª absoluta. A sub-23 Sarela Conde (Selección de Galicia) tivo que abandonar.
Por sétima vez si que se proclamou campión o gran referente estatal desta modalidade. O valenciano Felipe Orts (Ridley) converteuse no corredor con máis títulos Elite na historia do ciclocrós español. Iván Feijoo (Academia Postal-Maceda), sexto, e Samuel González (Selección de Galicia), noveno, completaron as mesmas voltas que o indiscutible gañador, un total de seis. O ciclista inclusivo Borja Gómez -38º na clasificación- representou á Selección de Galicia.
O combinado da Federación Ciclismo Galego, dirixido por Alberto del Río, contou ao longo do Campionato con 28 ciclocrosistas nas probas individuais. A Selección de Breogán anotouse dous títulos, o cadete con Lucas Lozano e o júnior con Lorena Patiño, a medalla de prata no Team Relay e o bronce do xuvenil Raúl Puelles. O resto de podios galegos rubricáronos ciclistas que competiron cos seus equipos: o sub-23 Miguel Rodríguez e o máster-60A Marcial Rodríguez (QuéBici-Marcisport) subiron ao chanzo máis alto; a máster-40B Marina González (Illas Cíes) e o máster-30A Diego Álvarez (Podium Team) conseguiron subcampionatos; e o máster-50A Eloy Otero (In Situ), a máster-40B Nazaret Casal (De La Fuente) nas 40-B e o máster-40A Alejandro Mesías (CiclosQuintena) nos 40-A leváronse metais de bronce.
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
EVENTOS
SELECCIÓNS
CICLOCROSS
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es