01 DE FEBRERO DE 2025
Fotos: RFEC
Os dous representantes do noso ciclocrós no Mundial de Liévin pecharon este sábado a súa participación no circuíto francés despois de formar parte onte do sexteto de España no Team Relay. A unicamente 1 segundo de meterse entre as dez primeiras, a júnior Lorena Patiño asinou unha sensacional undécima posición. Entre os sub-23, Miguel Rodríguez tamén asinou o mellor resultado do combinado español, finalizando 28º.
A marinense, 24ª o ano pasado no seu primeiro Campionato do Mundo, expuxo o salto de calidade dado esta temporada para pelexar polo sempre carísimo acceso aos dez primeiros postos. Patiño rodou dende o xiro inicial dentro das vinte mellores, mellorando posteriormente prazas ata cruzar a liña de meta 1 segundo por detrás da francesa Lison Desprez. A undécima posición deixou satisfeita á ciclocrosista do XSM: "Tiven boas sensacións. Fixen unha boa saída e fun aos poucos adiantando corredoras ata que me mantiven preto do top-10. Estou moi contenta, non pido máis".
Por detrás da dúas veces campioa de España júnior, as vascas Maier Olano e Irati Aranguren concluíron 24ª e 26ª, respectivamente. A francesa Lise Revol coroouse campioa do mundo xuvenil batendo por unha diferenza de 11 segundos á checa Barbora Bukovská, que repetiu a medalla de prata obtida no Europeo de Pontevedra o pasado mes de novembro.
Carreira sub-23 masculina
Nin o ponteareán Miguel Rodríguez nin o valenciano Raúl Mira tiveron as súas mellores pernas na proba sub-23 masculina na que tanto o galego, vixente campión de España, como o seu compañeiro de equipo no Supermercados Froiz tiveron problemas dende a saída para seguir o impoñente ritmo da cabeza de carreira. 24º no 2022 e 21º o ano pasado, Rodríguez terminou 28º no seu último Mundial antes de dar o salto á categoría elite. Mira clasificouse 34º e o título conquistouno con autoridade o neerlandés Tibor del Grosso.
Rodríguez e Patiño competiron na véspera no Team Relay. O sub-23 foi o encargado de dar a primeira volta e logo de completar o seu xiro na quinta praza tomou a saída a júnior, que sufriu unha picada que a levou a perder uns preciosos segundos. A súa remuda acabouna no sétimo posto e España ocuparía na meta a oitava praza, a 2 minutos e 29 segundos de Gran Bretaña, vencedora por diante de Italia. O bronce obtívoo Francia.
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es