Facebook Twitter Youtube Instagram Español

O ciclismo galego despide o 2025 co seu Campionato de Ciclocrós en Maceda

27 DE DICIEMBRE DE 2025

Lorena Patiño e Miguel Rodríguez, rivais a bater nas carreiras Elite e Sub-23 deste domingo

O-ciclismo-galego-despide-o-2025-co-seu-Campionato-de-Ciclocros-en-Maceda

O frío e o espectáculo están garantidos no evento que este domingo pecha o calendario 2025 do ciclismo galego. As coroas de Ciclocrós póñense en xogo a partir das 10:00 horas na localidade ourensá de Maceda. A previsión meteorolóxica apunta a que a temperatura será de 2 graos cando arranque a primeira carreira no circuíto do Castelo.

A cita organizada polo Clube Ciclista Maceda contará cunha magnífica participación tanto por número, tras inscribirse 274 ciclocrosistas, como por calidade. Miguel Rodríguez (Supermercados Froiz), gañador absoluto en Elite e Sub-23 nos dous últimos anos, será o rival a bater na proba estrela masculina. O ponteareán estréase como Elite no Campionato de Galicia e está invicto esta temporada a nivel autonómico. Como principais alternativas aparecen Samuel González (Máis Que Bicis) e Anxo Carril (Coruxo), primeiro e segundo clasificado esta campaña na xeral Elite da Copa Galicia, e os representantes do equipo anfitrión Iván Feijoo e Saúl López.

En canto á carreira raíña feminina, malia que Laura Mira (Farto) suma tres títulos Sub-23 consecutivos, a roda a seguir todo apunta a que será a de Lorena Patiño (Cardedeu). No seu primeiro ano como Sub-23, a tres veces campioa estatal adxudicouse a Copa de España da súa categoría. A porriñesa e a marinense aínda non se mediron esta temporada. A local Sarela Conde (Academia Postal-Maceda) é outra clara candidata ao podio Sub-23, mentres que Irene Trabazo (XSM) comparece como principal favorita en Elite.

Despois de tres intensos meses de competición nesta modalidade, o XVIII Ciclocrós Castelo de Maceda é a última gran cita antes do Campionato de España, que se celebrará na segunda semana de xaneiro en Tarancón, na provincia de Cuenca. O circuíto ourensán é un dos escenarios con máis tradición no CX da nosa comunidade. A última vez que acolleu o Campionato de Galicia foi hai 4 anos.

imagen

A xornada dividirase en cinco quendas. Na primeira, ás 10:00 horas, entrarán en acción os Máster-50 e 60 masculinos. Os outros dous grupos de idade Máster, 30 e 40, poranse en marcha ás 11:00 h. Unha vez entregados os trofeos destas categorías e logo duns minutos reservados para adestrar, regresará a competición ás 12:15 h coas carreiras Cadete e Infantil masculinas. Para as 13:00 h está fixada a quenda feminina e ás 14:00 h lanzarase a proba Elite e Sub-23 masculino compartindo horario coa Júnior.

As campioas e os campións de Galicia a pasada campaña en Ponteareas foron Clara Pintos e Mateo Hermida en Infantil, Nerea Soto e Lucas Lozano en Cadete, Lorena Patiño e Raúl Puelles en Júnior, Laura Mira e Miguel Rodríguez en Sub-23, Samuel González e Carla Fernández en Elite, Aquiles Sordo en Máster-30, Marina González e Andrés Calvete en Máster-40, Eloy Otero en Máster-50 e Marcial Rodríguez en Máster-60.

     
   

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es