06 DE DICIEMBRE DE 2025
Fotos: Luz Iglesias
A proba decana do ciclocrós galego deu inicio este sábado a outra fin de semana con dobre entrega da Copa Galicia. Fiel á súa tradicional data do 6 de decembro, o Ciclocross Concello de Boiro celebrou a súa XXXVIII edición na que non faltou o seu característico treito por Praia Xardín. Sobre a area, o líder elite Samuel González (Máis Que Bicis) e a sub-23 Laura Mira, na súa primeira aparición da temporada no certame autonómico, gobernaron no Día da Constitución.

A lama tamén fixo acto de presenza nunha xornada pasada por auga que contou con 270 participantes. Á oitava e antepenúltima cita puntuable da Copa chegaban empatados no máis alto da táboa elite Samuel González e Anxo Carril (Coruxo), dous dos tres grandes protagonistas na carreira raíña masculina do evento organizado polo Club Ciclista Barbanza. O terceiro corredor que estivo implicado na loita pola vitoria absoluta foi o líder sub-23 Ricardo Buba (Coruxo). Os dous compañeiros de equipo víronse superados polo representante do Máis Que Bicis, que venceu con 40 segundos de vantaxe sobre o tándem do Coruxo. A cuarta praza asinouna o elite Iván Feijoo (Academia-Postal-Maceda) e a quinta, o sub-23 Raúl Puelles (Supermercados Froiz).
O triunfo júnior obtívoo Diego Valladar (Coruxo) e no resto de quendas masculinas impuxéronse nas súas categorías o infantil José Manuel Rouco (Cambre), o cadete Sergio Pérez (Avanza-O Porriño), o máster-30 Roi Álvarez (Garaje Corse), o máster-40 Moisés Leboso (G.D. 10), o máster-50 Manuel Armada (Cidade de Santiago) e o máster-60 Marcial Rodríguez (QuéBici-Marcisport).

A vixente campioa de Galicia sub-23 irrompeu con forza na Copa Galicia. Con case minuto e medio de diferenza, Laura Mira (Team Farto-Kiroot) ergueu os brazos na liña de meta situada nas inmediacións do río Coroño. A líder sub-23 Sarela Conde (Academia Postal-Maceda) fixo segunda e a 3' da vencedora absoluta rematou Iria Nieto (Team Oiense), a mellor elite nesta xornada e na clasificación xeral. O top-5 absoluto completárono dúas compañeiras de equipo do Máis Que Bicis que entraron xuntas, a sub-23 Fátima González e a elite Rebeca Fontela.
Os seus nomes como gañadoras no palmarés do Ciclocrós Concello de Boiro inscribíronos Vega Albares (HyD-Ciudad de Salamanca) entre as júniores, Leyre García (Lynalfa-Ponteareas) nas cadetes, Aroa García (Cambre) nas infantís, Carolina Palomanes (Sport Bike Verín) en Máster-30 e Marina González (Illas Cíes) en Máster-40. O premio de mellor club recolleuno o Avanza-O Porriño.

Antes do Ciclocrós Val de Esmelle deste domingo en Ferrol, as táboas da Copa Galicia están encabezadas por Uxía Giráldez (Avanza-O Porriño) e Jorge Martín (Avanza-O Porriño) en Infantil, Nerea Soto (Lynalfa-Ponteareas) e Sergio Pérez (Avanza-O Porriño) en Cadete, Xiana Seijo (Caimanes Betazos) e Lucas Lozano (XSM) en Júnior, Sarela Conde e Ricardo Buba en Sub-23, Iria Nieto e Samuel González en Elite, Carolina Palomanes e Mauro González (Salvaterra) en Máster-30, Marina González e Constantino Muñoz (Grupeta Pan de Zarko) en Máster-40, María Andia (Ser e Parecer) e Eloy Otero (In Situ) en Máster-50, e Manuel Bugallo (Biciosos-Rías Baixas) en Máster-60.

Toda a información sobre a Copa Galicia de Ciclocrós está dispoñible na súa sección dentro desta mesma páxina web e tamén podes atopala nas redes sociais a través do cancelo #CopaGaliciaCX
SELECCIÓNS
CICLOCROSS
CICLOCROSS
CICLOCROSS
CICLOCROSS
CICLOCROSS
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es