04 DE ENERO DE 2025
Fotos: Luz Iglesias
A menos dunha semana do Campionato de España que se celebrará dende o venres na localidade coruñesa das Pontes, o ciclocrós galego puxo en xogo as súas coroas este sábado en Ponteareas. A cuarta edición do CX Borja Gómez Méndez exerceu de Campionato autonómico nun circuíto inédito. O trazado da Freixa acolleu a súa primeira competición e nesta inauguración Miguel Rodríguez (Supermercados Froiz) e Laura Mira (Farto-Kiroot) impuxéronse nas carreiras elite e sub-23. O ponteareán, a porriñesa e outros trece ciclocrosistas arrancaron o 2025 conquistando un título.
O Lynalfa-Ponteareas-Escola Borja Gómez Méndez preparou un percorrido, con saída e chegada no interior do Campo de Fútbol de Pardellas, no que dúas subidas marcaron as principais diferenzas. Baixo unha impecable organización, ao redor de 250 participantes puxeron o colofón a case tres meses de calendario galego de ciclocrós. Nun día gris, pero sen chuvia nin frío, quen máis brillou foi a estrela local.
Tras competir durante os últimos días do 2024 en Bélxica, nos Países Baixos e en Francia, o ponteareán Miguel Rodríguez exhibiuse na súa vila. O representante do Supermercados Froiz marchouse en solitario dende a primeira das oito voltas da proba elite e sub-23 para lograr con moita solvencia a vitoria absoluta e, de paso, revalidar o título sub-23. Avantaxou en 56” segundos ao seu compañeiro de equipo Anxo Carril, que se apuntou nos metros finais o vibrante man a man protagonizado con Samuel González (Máis Que Bicis), terceiro e novo campión elite. Noutro apaixonante pulso, a cuarta praza decantouse a prol de Fabián Rodríguez (Cambre), bronce sub-23, por diante do subcampión elite Luis Fernández Oliveira (Avanza-O Porriño). O sexto posto na liña meta serviulle a Miguel Porto (Lynalfa-Ponteareas) para completar o podio elite.
A carreira raíña masculina compartiu quenda coa dos júniores, categoría que dominou Raúl Puelles. O ritmo do xuvenil do Caimanes Betanzos non o puido seguir Xoel Cidrás (XSM), segundo a 32”do novo campión. A terceira posición acadouna Néstor Frías (Academia Postal-Maceda).
A camisola do Campionato de Galicia máis pelexada nesta xornada de ciclocrós foi a sub-23 feminina. As porriñesas Laura Mira e Aroa Otero (Supermercados Froiz) non se separaron en ningún momento durante as cinco voltas. Unha marcaxe férrea na que tamén se decidiu o triunfo absoluto. Á recta de meta entrou en cabeza a ciclista do Farto-Kiroot e resistiu no esprint para conservar a coroa da categoría. A 1:12 de ambas concluíu Carla Fernández (Ribadumia) repetindo título elite. Sarela Conde (Academia Postal-Maceda) fixo cuarta e terceira sub-23, un posto por diante da tamén sub-23 Uxía Soto (Extol-Zambora.es). Iria Nieto (Team Oiense) levouse a prata elite e Rebeca Fontela (Máis Que Bicis), o bronce.
A todas as elite e sub-23 adiantounas a gañadora júnior Lorena Patiño (XSM), que deu unha volta menos. A campioa de España xuvenil sumou un novo éxito no seu palmarés. Lara Pita (Cambre) conseguiu o subcampionato e Alejandra Neira estreouse coas cores do Baqué Movistar Team terminando terceira.
Cadetes e Infantís
Lucas Lozano (XSM), o gañador esta temporada da Copa de España, xa encabezaba a carreira cadete cando o defensor do título autonómico Lucas Blanco (Cambre) sufriu unha picada. Ese contratempo permitiu ao corredor da formación marinense abrir oco, pero non se puido relaxar porque o segundo clasificado Guillermo García (Avanza-O Porriño) apertou ata o final. Xunto a eles subiu ao podio Aarón Rodríguez (Lynalfa-Ponteareas). O conxunto local colleitou uns sensacionais resultados nas categorías de menor idade. Nas cadetes obtivo a vitoria por medio de Nerea Soto, a segunda posición correspondeu a Vega Aldrey (Cambre) e a terceira a Xiana Seijo (Caimanes Betanzos).
En Infantil, categoría que por primeira vez formou parte do programa de competición do Campionato de Galicia, o Lynalfa-Ponteareas rubricou un dobrete. Mateo Hermida remontou dende a última posición despois de caer para vencer por diante de Sergio Pérez (Avanza-O Porriño) e Hugo Rodríguez (Máster da Louriña), prata e bronce respectivamente. En canto ás rapazas infantís, Clara Pintos deixou o título en casa, con Marta Utrera (Armenteira e Punto) segunda e Uxía Giráldez (Avanza-O Porriño) terceira.
Máster
Os grupos de idade máster ofreceron cinco carreiras. Eloy Otero (In Situ) retivo a camisola de campión de Galicia máster-50, ocupando Óscar González (Máis Que Bicis) a segunda praza e Marcos Vale (Graficas Lar) a terceira, do mesmo xeito que Marina González (Illas Cíes) prolongou a súa hexemonía nas máster-40, facéndose coa prata Nazaret Casal (De La Fuente) e co bronce Beatriz Vicente (Podium Team). Pola contra, hai tres novos campións. Aquiles Sordo (Caimanes Betanzos) triunfou nos máster-30, destronando ao segundo clasificado Jorge Pérez (Os Esfola Arrós) e terceiro foi Francisco Baña (Cidade de Santiago). A quenda máster-40 controlouna Andrés Calvete (Monte Xalo), superando Alejandro Mesías (CiclosQuintena) a Moisés Leboso (G.D. 10) na batalla pola segunda praza. A proba dos máis experimentados, os máster-60, tivo como gañador a Marcial Rodríguez (QuéBici-Marcisport), lucindo o maillot de campión Europa. Escoltárono no podio Darío Buceta (Farto) -segundo- e Manuel Bugallo (Biciosos-Rías Baixas) -terceiro-.
Complementando ao Campionato de Galicia, disputouse unha carreira inclusiva. Un dos participantes nesta proba foi o padriño do evento Borja Gómez Méndez, quen na clausura do evento entregou premios na cerimonia de podio xunto á alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro; ao tenente de alcalde, Juan Carlos González Carrera; ao concelleiro de Deportes, Luis Rodríguez; ao presidente do club organizador, Manuel Gregores; ao presidente da Federación Ciclismo Galego, Juan Carlos Muñiz; e ao presidente da Comunidade de Montes de Ribadetea, José Amoedo.
PODIOS DO CAMPIONATO DE GALICIA
ELITE F
1. Carla Fernández (Ribadumia)
2. Iria Nieto (Team Oiense)
3. Rebeca Fontela (Máis Que Bicis)
ELITE M
1. Samuel González (Máis Que Bicis)
2. Luis Fernández Oliveira (Avanza-O Porriño)
3. Miguel Porto (Lynalfa-Ponteareas)
SUB-23 F
1. Laura Mira (Farto-Kiroot)
2. Aroa Otero (Supermercados Froiz)
3. Sarela Conde (Academia Postal - Maceda)
SUB-23 M
1. Miguel Rodríguez (Supermercados Froiz)
2. Anxo Carril (Supermercados Froiz)
3. Fabián Rodríguez (Cambre)
JÚNIOR F
1. Lorena Patiño (XSM)
2. Lara Pita (Cambre)
3. Alejandra Neira (Baqué Movistar Team)
JÚNIOR M
1. Raúl Puelles (Caimanes Betanzos)
2. Xoel Cidrás (XSM)
3. Néstor Frías (Academia Postal - Maceda)
CADETE F
1. Nerea Soto (Lynalfa-Ponteareas)
2. Vega Aldrey (Cambre)
3. Xiana Seijo (Caimanes Betanzos)
CADETE M
1. Lucas Lozano (XSM)
2. Guillermo García (Avanza-O Porriño)
3. Aarón Rodríguez (Lynalfa-Ponteareas)
INFANTIL F
1. Clara Pintos (Lynalfa-Ponteareas)
2. Marta Utrera (Armenteira e Punto)
3. Uxía Giráldez (Avanza-O Porriño)
MÁSTER-30 M
1. Aquiles Sordo (Caimanes Betanzos)
2. Jorge Pérez (Os Esfola Arrós)
3. Francisco Baña (Cidade de Santiago)
MÁSTER-40 F
1. Marina González (Illas Cíes)
2. Nazaret Casal (De La Fuente)
3. Beatriz Vicente (Podium Team)
MÁSTER-40 M
1. Andrés Calvete (Monte Xalo)
2. Alejandro Mesías (CiclosQuintena)
3. Moisés Leboso (G.D. 10)
MÁSTER-50 M
1. Eloy Otero (In Situ)
2. Óscar González (Máis Que Bicis)
3. Marcos Vale (Gráficas Lar)
MÁSTER-60 M
1. Marcial Rodríguez (QuéBici-Marcisport)
2. Darío Buceta (Farto)
3. Manuel Bugallo (Biciosos-Rías Baixas)
CICLOCROSS
CICLOCROSS
CICLOCROSS
CICLOCROSS
CICLOCROSS
SELECCIÓNS
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es