Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Anxo Carril bate a Samuel González en Ferrol e dispara a emoción da Copa Galicia a falta dunha cita

08 DE DICIEMBRE DE 2025

Os dous primeiros elites chegarán empatados a puntos ao desenlace en Viveiro. A sub-23 Sarela Conde colleitou o seu cuarto triunfo absoluto da temporada

Anxo-Carril-bate-a-Samuel-Gonzalez-en-Ferrol-e-dispara-a-emocion-da-Copa-Galicia-a-falta-dunha-cita

Fotos: Luz Iglesias

A Copa Galicia de CX ofreceu durante a ponte unha fin de semana pasada polo barro. Logo da decana do calendario o sábado en Boiro, o domingo disputouse o IX Ciclocrós Val de Esmelle en Ferrol, novena e penúltima xornada puntuable. Un evento que tivo un peche espectacular co apaixoante duelo entre os dous primeiros clasificados da xeral elite masculina. 

Samuel González (Máis Que Bicis), gañador na véspera, defendía a camisola de líder e unha vantaxe de 30 puntos respecto a Anxo Carril (Coruxo) no circuíto do Club Ciclista Esmelle. A diferenza do acontecido en Boiro, o vigués e o nigranés mantivéronse xuntos ata a recta de meta e a vitoria decidiuse nun agónico desenlace. Esta vez venceu Carril, conseguindo o seu primeiro éxito absoluto da temporada e igualando a 930 puntos no máis alto da táboa con González, que conserva o maillot da Copa porque suma máis triunfos. Así pois, o título decidirase o vindeiro día 20 en Viveiro. O que cruce a liña de meta por diante do outro será o campión. 

O vibrante man a man entre os elites máis fortes viviuno moi de preto Ricardo Buba, rubricando o 'dobrete' do Coruxo ao rematar como primeiro sub-23 a 18" do seu compañeiro de equipo Carril. Os tres primeiros abriron un importante oco respecto ao resto de corredores. O sub-23 Raúl Puelles (Supermercados Froiz) concluíu cuarto a 2 minutos e, unha quincena de segundos despois, outro representante sub-23 do seu equipo, Darío Buceta, fixo quinto. 

imagen

Na última quenda no trazado ferrolán impúxose entre os júniores Lucas Lozano (XSM). O infantil José Manuel Rouco (Cambre), o cadete Xoel González (O Rosal), o máster-30 Mauro González (Salvaterra), o máster-40 Constantino Muñoz (Grupeta Pan de Zarko), o máster-50 José Manuel Gómez Bestilleiro (Xesteiras) -tras un axustado pulso con José Antonio Pazos Ñaka (Chatandino)- e o máster-60 Marcial Rodríguez (QuéBici-Marcisport) foron os outros gañadores masculinos.

A condición de raíña da xornada, por cuarta ocasión esta campaña na Copa Galicia, correspondeu a Sarela Conde (Academia Postal-Maceda). A líder sub-23 dominou con claridade, por máis dun minuto e medio, na carreira estrela feminina. A emoción nesta competición concentrouse na pugna polo triunfo elite e, ao mesmo tempo, pola segunda praza absoluta. A líder Iria Nieto (Team Oiense) acabou dobregando por 21" a Rebeca Fontela (Máis Que Bicis). Os outros dous postos dentro do top-5 ocupáronos as sub-23 Fátima González (Máis Que Bicis) e Sara Peón (XSM), cuarta e quinta respectivamente. 

imagen

A júnior Paula Rincón (HyD-Ciudad de Salamanca), a cadete Carmen Díaz (Tríatlon Coruña), a infantil Uxía Giráldez (Avanza-O Porriño), a máster-30 Carolina Palomanes (Sport Bike Verín) e a máster-40 Beatriz Vicente (Podium Team) subiron ao chanzo máis alto do podio nas súas categorías. O Cambre recolleu o trofeo de mellor club nun evento que reuniu a máis de 200 participantes. 

A falta do Ciclocrós Concello de Viveiro, as clasificacións xerais da Copa Galicia están lideradas por Uxía Giráldez e Jorge Martín (Avanza-O Porriño) en Infantil, Nerea Soto (Lynalfa-Ponteareas) e Sergio Pérez (Avanza-O Porriño) en Cadete, Xiana Seijo (Caimanes Betazos) e Lucas Lozano en Júnior, Sarela Conde e Ricardo Buba en Sub-23, Iria Nieto e Samuel González en Elite, Carolina Palomanes e Mauro González en Máster-30, Marina González e Constantino Muñoz en Máster-40, María Andia (Ser e Parecer) e Eloy Otero (In Situ) en Máster-50, e Manuel Bugallo (Biciosos-Rías Baixas) en Máster-60. 

imagen

imagen

Toda a información sobre este certame coordinado pola Federación Ciclismo Galego está dispoñible na súa sección dentro desta mesma páxina web e tamén podes atopala nas redes sociais a través do cancelo #CopaGaliciaCX

Clasificacións 

GALERÍA DE FOTOS

Anxo Carril bate a Samuel González en Ferrol e dispara a emoción da Copa Galicia a falta dunha cita
Anxo Carril bate a Samuel González en Ferrol e dispara a emoción da Copa Galicia a falta dunha cita
Anxo Carril bate a Samuel González en Ferrol e dispara a emoción da Copa Galicia a falta dunha cita
Anxo Carril bate a Samuel González en Ferrol e dispara a emoción da Copa Galicia a falta dunha cita
Anxo Carril bate a Samuel González en Ferrol e dispara a emoción da Copa Galicia a falta dunha cita
     
   

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es