Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Samuel González despexa a incógnita final da Copa Galicia de Ciclocrós en Viveiro

20 DE DICIEMBRE DE 2025

Lorena Patiño reinou entre as mulleres no regreso do CX á Mariña Lucense. Ningunha categoría cambiou de líder

Samuel-Gonzalez-despexa-a-incognita-final-da-Copa-Galicia-de-Ciclocros-en-Viveiro

Fotos: Luz Iglesias

O calendario de dez probas da Copa Galicia de Ciclocrós baixou o pano cun agardado regreso. Dende o 2017 non se disputaba na Mariña Lucense unha competición de CX e a espera rematou este sábado en Viveiro, onde se coroou ás raíñas e aos reis finais do certame coordinado pola Federación Ciclismo Galego. As matemáticas ofrecían posibilidade de cambio de líder en seis categorías, pero non se rexistrou ningunha variación no máis alto dos rankings

A inscrición no evento organizado pola Peña Ciclista Gráficas Lar pechouse con 200 participantes e nesa listaxe non aparecía un dos corredores que estaba igualado a puntos ao mando da táboa elite. A ausencia de Anxo Carril (Coruxo) asegurou que Samuel González (Máis Que Bicis) ía manter o maillot na categoría raíña masculina, un título ao que o vigués quixo poñerlle a guinda sobre o barro. Gañador de tres citas da Copa Galicia esta campaña, o cuarto éxito parcial asinouno en Viveiro con case un minuto e medio de marxe sobre o líder sub-23 Ricardo Buba (Coruxo). A terceira praza absoluta ocupouna Néstor Frías (Ribadumia), quedando a 24 segundos do triunfo entre os sub-23, e no pulso pola cuarta posición o elite Luis Fernández Oliveira (Avanza - O Porriño) superou ao sub-23 Darío Armada (Supermercados Froiz). Tamén certificou o primeiro posto na xeral júnior cunha vitoria Lucas Lozano (XSM).

imagen

Para adxudicarse a Copa entre os cadetes a Sergio Pérez (Avanza-O Porriño) bastoulle facer terceiro, nunha carreira que dominou Pedro Cidrás (XSM), e o máster-50 Eloy Otero (In Situ) rubricou o seu 'dobrete' de títulos gañando na provincia de Lugo dúas semanas despois de apuntarse o certame estatal na Comunitat Valenciana. No resto de categorías masculinas, cos rankings xa resoltos, impuxéronse no circuíto viveirense o infantil Jose Manuel Rouco (Cambre), o máster-30 Miguel Porto (Lynalfa-Ponteareas), o máster-40 Ángel Vilanova (Compostelano) e o máster-60 Manuel Bugallo (Biciosos-Rías Baixas). 

A segunda aparición esta temporada de Lorena Patiño (Cardedeu) no calendario tamén concluíu con vitoria absoluta. A flamante vencedora sub-23 da Copa de España bateu á elite Irene Trabazo (XSM) por unha diferenza lixeiramente superior ao minuto e medio. Lonxe das dúas marinenses, a elite Rebeca Fontela (Máis Que Bicis) cruzou a liña de meta na terceira posición, mentres que as sub-23 Uxía Soto (Extol-Zambora) e Fátima González (Máis Que Bicis) clasificáronse cuarta e quinta, respectivamente. 

imagen

Outra vixente campioa de España, neste caso de contra o reloxo individual en Estrada, estreouse sobre o barro esta campaña erguendo os brazos na carreira júnior. Alejandra Neira (Baqué Movistar Team) demostrou a súa versatilidade. A nómina de triunfadoras en Viveiro completárona tres corredoras que chegaban como líderes sen ter o título garantido: a infantil Uxía Giráldez (Avanza-O Porriño), a cadete Nerea Soto (Lynalfa-Ponteareas) e a máster-40 Marina González (Illas Cíes). O trofeo de mellor club da xornada acadouno o Avanza - O Porriño. 

A falta dunha semana para a celebración do Campionato autonómico desta modalidade, o vindeiro domingo na localidade ourensá de Maceda, a Copa Galicia despediu a súa edición 2025-2026 con 17 líderes finais. Os títulos individuais corresponderon a Uxía Giráldez e Jorge Martín (Avanza-O Porriño) en Infantil, a Nerea Soto e Sergio Pérez en Cadete, a Xiana Seijo (Caimanes Betazos) e Lucas Lozano en Júnior, a Sarela Conde (Academia Postal-Maceda) e Ricardo Buba en Sub-23, a Iria Nieto (Team Oiense) e Samuel González en Elite, a Carolina Palomanes (Sport Bike Verín) e Mauro González (Salvaterra) en Máster-30, a Marina González e Constantino Muñoz (Grupeta Pan de Zarko) en Máster-40, a María Andia (Ser e Parecer) e Eloy Otero en Máster-50, e a Manuel Bugallo en Máster-60. 

imagen

Toda a información sobre a Copa Galicia de Ciclocrós está dispoñible na súa sección dentro desta mesma páxina web e tamén podes atopala nas redes sociais a través do cancelo #CopaGaliciaCX

Clasificación

GALERÍA DE FOTOS

Samuel González despexa a incógnita final da Copa Galicia de Ciclocrós en Viveiro
Samuel González despexa a incógnita final da Copa Galicia de Ciclocrós en Viveiro
Samuel González despexa a incógnita final da Copa Galicia de Ciclocrós en Viveiro
Samuel González despexa a incógnita final da Copa Galicia de Ciclocrós en Viveiro
Samuel González despexa a incógnita final da Copa Galicia de Ciclocrós en Viveiro
Samuel González despexa a incógnita final da Copa Galicia de Ciclocrós en Viveiro
     
   

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es