Facebook Twitter Youtube Instagram Español

O Campionato de Galicia de Trial Bici celebrou en Outeiro de Rei a súa primeira edición

06 DE JUNIO DE 2023

Marcos Avendaño (Pontebike) conquistou o título elite

O-Campionato-de-Galicia-de-Trial-Bici-celebrou-en-Outeiro-de-Rei-a-sua-primeira-edicion

Fotos: Doble I Fotografía

A localidade luguesa de Outeiro de Rei viviu o domingo unha xornada histórica para o ciclismo da nosa comunidade. A modalidade de Trial Bici celebrou o seu primeiro Campionato de Galicia. O evento organizado polo Team Bike Outeiro de Rei contou con máis de medio cento de participantes e repartiu nove coroas autonómicas. 

O Parque de Trial de Matela, o mesmo escenario onde en marzo do 2022 esta especialidade se reactivou en territorio galego despois da pandemia, acolleu o circuíto no que os pilotos puxeron a proba o seu equilibrio. Afrontando un variado menú de obstáculos, tiveron que completar en dúas ocasións as cinco zonas co obxectivo de acumular a menor cantidade de penalizacións. As categorías que reuniron máis inscritos foron as de base, grazas ao traballo que están a realizar varios clubs de Galicia, en especial o Trialbici Coruña.

A competición raíña masculina tivo como triunfador a Marcos Avendaño. O representante do Pontebike Team Sportkids exhibiuse para conquistar o título elite batendo a Matías Martínez (In Situ). O terceiro posto ocupouno Sergio Hernández (Biketrial Gijón), piloto asturiano que non contaba para o Campionato. 

A vitoria absoluta feminina correspondeu a Ainoa Bermúdez (Trialbici Coruña) e as outras sete camisolas do Campionato de Galicia recibíronas Alberto Vila (Trialbici Coruña) nos promesas, Manuel Vila (Trialbici Coruña) nos principiantes, Adrián Campos (Trialbici Coruña) nos alevíns, Noa Casas (Trialbici Coruña) nas promesas femininas, Marco Gascón (Team Bike Outeiro de Rei) nos infantís, Samuel Gascón (Team Bike Outeiro de Rei) nos cadetes e Adolofo Suárez (Trialbici Coruña) nos máster-40. 

 

O seu nome como gañadores tamén o inscribiron tres pilotos chegados dende fóra de Galicia ao dominar as súas categorías: o principiante Fernando Meana (Biketrial Gijón), o cadete Pelayo Valledor (Biketrial Gijón) e o júnior Illan Pico (Biketrial Gijón). Na entrega de premios participaron a concelleira de Deportes de Outeiro de Rei, Pilar Méndez Lombao; Marcos Gascón, presidente do club organizador; e Juan Carlos Muñiz, presidente da Federación Ciclismo Galego. 

Clasificación

GALERÍA DE FOTOS

O Campionato de Galicia de Trial Bici celebrou en Outeiro de Rei a súa primeira edición
O Campionato de Galicia de Trial Bici celebrou en Outeiro de Rei a súa primeira edición
O Campionato de Galicia de Trial Bici celebrou en Outeiro de Rei a súa primeira edición
O Campionato de Galicia de Trial Bici celebrou en Outeiro de Rei a súa primeira edición
O Campionato de Galicia de Trial Bici celebrou en Outeiro de Rei a súa primeira edición
 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es