Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Manuel Parada cólgase a prata Máster-30A no Campionato de España XCO

11 DE JULIO DE 2021

O ribeirense mellorou o seu bronce do 2020

Manuel-Parada-colgase-a-prata-Master-30A-no-Campionato-de-Espana-XCO

Foto: Yaiza Fernández Pérez

Por segunda edición consecutiva Manuel Parada pisou o podio do Campionato de España de Cross Country Olímpico (XCO). O ano pasado levouse a medalla de bronce en Valladolid e este sábado conquistou a de prata en Sabiñánigo. O máster-30A de Ribeira acadou o resultado máis destacado da Selección de Galicia na segunda xornada da cita que se está celebrando no Pirineo oscense. 

Gañador esta temporada do ranking máster-30 do Open de España, o biker do Club de Montaña Xesteiras non tivo o inicio de carrera desexado, concluíndo a primeira volta fóra do Top-15. A partir de aí, Parada non deixou de adiantar rivais durante os catro xiros restantes ao circuíto de Santa Lucía e chegou ao treito final con opcións de obter a terceira praza na táboa absoluta. Quedouse a cinco segundos, cruzando a liña de meta en cuarta posición.

Por diante do grupo no que rematou o único representante máster do combinado galego só entrou un biker da súa categoría, Francisco Giménez (Murcia), que avantaxou a Parada en 1 minuto e 40 segundos. A terceira praza do caixón no grupo de idade 30A, finalizando a 47" do ribeirense, correspondeulle a Luis Ortega (Castilla y León). 

Nunha sesión matinal marcada pola calor, tamén defenderon as cores da Selección de Galicia dous corredores na proba sub23. Andrés Valcárcel terminou 26º e David Fernández, 59º. Esta carreira comezou con protagonismo galego, dado que Iván Feijoo (BH Templo) rodou en cabeza durante a start loop e a metade da primeira volta xunto ao seu compañeiro de equipo David Campos e a Jofre Cullell (Primaflor). O alaricano acusou ese explosivo inicio e abandonou a falta de tres parciais. 

A segunda xornada do campionato completouse pola tarde coas competicións de Eliminator. Dous bikers da Selección de Galicia, Jorge Punzón e Andrés Valcárcel, foron superando roldas ata que unicamente quedaban oito corredores, pero tanto o monfortino como o porriñés caeron eliminados ás portas da final. Ata os cuartos chegou Alberto Pedreira, mentres que David Fernández non puido superar o corte da contra o reloxo. 

En canto ao Eliminator feminino, 4 segundos separaron a Sofía Álvarez de meterse na final feminina. A júnior do combinado autonómico marcou o quinto mellor rexistro na crono (1:42) e o cuarto billete para a carreira polas medallas conseguiuno Paula Suárez (1:38).

Máis información e clasificacións

GALERÍA DE FOTOS

Manuel Parada cólgase a prata Máster-30A no Campionato de España XCO
 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es