Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Lorena Patiño e Alejandra Neira asinan grandes actuacións en eventos UCI

18 DE FEBRERO DE 2025

A marinense ocupou o terceiro chanzo do podio nos Internacionales de Chelva, cita das XCO Junior Series. A santiaguesa estivo fugada e rematou novena na Clásica Jaén Paraíso Interior, primeira proba da Copa das Nacións

Lorena-Patino-e-Alejandra-Neira-asinan-grandes-actuacions-en-eventos-UCI

Fotos: Juan Moya / Samuel Santarromana

Dúas corredoras galegas da categoría Júnior brillaron durante a fin de semana en competicións do calendario UCI (Unión Ciclista Internacional) celebradas en territorio español. Lorena Patiño (Cardeneu) abriu o seu calendario de Cross Country Olímpico obtendo a terceira posición nos Internacionales de Chelva, evento das UCI XCO Júnior Series. Non subiu ao podio, pero abraiou pola súa combatividade Alejandra Neira, que na súa estrea coa selección española rodou fugada e concluíu novena na Clásica Jaén Paraíso Interior, primeira proba da Copa das Nacións UCI. 

Dúas semanas despois de disputar o Mundial de Ciclocrós, a marinense Lorena Patiño demostrou o seu gran talento noutra modalidade, no XCO. Coas cores do seu novo equipo, finalizou terceira no circuíto valenciano de Chelva. A actual campioa de España júnior cruzou a liña de meta a 3 minutos e 28 segundos da indiscutible gañadora, a eslovena Marusa Serkezi (Next Generation), e a 20 segundos da segunda clasificada, a chilena Florencia Monsálvez (Proracers). Nesta cita de clase HC (fóra de categoría) tamén participou o carballiñés Alejandro García (Mondraker), 33º na carreira Sub-23. 

imagen

A campioa de España cadete da pasada temporada deixou o seu selo no seu debut como júnior en Estrada e co combinado estatal. A santiaguesa Alejandra Neira saltou do pelotón no kilómetro 30 e foi a primeira corredora que logrou establecerce na cabeza da carreira e deixar atrás ao pelotón na Clásica Jaén Paraíso Interior. A ciclista do Baqué Movistar Team abriu unha valiosa marxe próxima aos 2 minutos. Este movemento, obrigou ao equipo NXTG a asumir a responsabilidade da persecución de Neira, que resistiu á fronte da proba ata o tramo de sterrato de Guadalupe. A galega superou en solitario os dous primeiros pasos de terra, Juancaballo e Santa Eulalia, e xa no sector de Guadalape uníronse a ela outras nove ciclistas procedentes do pelotón.

As tres representantes da selección española no grupo dianteiro -Neira, Paula Ostiz e Irene Moreno- converteron os dez quilómetros finais nun intercambio de ataques e respostas coas corredoras do equipo NXTG, que contaba con outras tres ciclistas no corte cabeceiro. Finalmente, ningunha arrancada frutificou polo que a vitoria resolveuse ao esprint na recta final do percorrido de 84,5 km. A chegada, que contaba cun tramo duns 200 metros ascendentes, serviu de escenario para que Erin Boothman (Gran Bretaña) despregase a súa potencia e erguese os brazos por diante da navarra Ostiz. Completamente desfondada, Neira fixo novena logo dunha sensacional actuación na apertura da Copa das Nacións UCI.

Máis información Clásica Jaén

Clasificacións Chelva

Foto 2: Samuel Santarromana

 

 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es