Facebook Twitter Youtube Instagram Español

O Gran Fondo Ézaro coróase por partida dobre no Muro

10 DE JULIO DE 2022

O evento que percorre as estradas da Costa da Morte volveu formar parte do calendario das UCI Gran Fondo World Series

O-Gran-Fondo-ezaro-coroase-por-partida-dobre-no-Muro

Foto: Gran Fondo Ézaro

Acompañou o tempo, con temperaturas máis suaves que a xornada anterior, e a afección, que animou e gozou ao paso dos ciclistas do Gran Fondo Ézaro, unha cita que, un ano máis, asolagou coa súa marea multicolor a Costa da Morte para coroarse, non unha, se non dúas veces no alto do Miradoiro de Ézaro.

Foron algo máis de 600 os participantes, dos que boa parte optou polo roteiro completo que, como novidade, este ano subiu dúas veces o Muro de formigón, cun desnivel do 30%, na primeira ocasión xunto cos participantes do medio fondo.

O mellor tempo en meta marcouno un habitual nas vitorias do Gran Fondo Ézaro, o portugués David Vaz, que realizou o roteiro completo, con dobre ascenso ao Muro, en 4:38:46; seguido de Eduardo Estévez Alonso, que entrou en meta tras 4:39:13 de carreira.

No roteiro curto, o primeiro en entrar en meta foi o francés Phillipe Le Peurien, que rodou durante 3:07:47, seguido de Roberto Heras, que alcanzou o miradoiro de Ézaro tras 3:08:02.

En canto aos  tempos de subida de Ézaro, o máis rápido na primeira subida foi Samuel Blanco, que o fixo en oito minutos e dous segundos, seguido de David Vaz, cun tempo de 8'14. No segundo ascenso, con todo, o máis rápido foi Vaz, con 9'32.

Entre as participantes femininas, a máis rápida foi a muxiá Barca Toba, que fixo o roteiro curta en 3:23:21. e subiu Ézaro en 13'05

Novo percorrido

A xornada arrancou puntual, ás 9,00 horas, baixo unha incipiente néboa que terminou por disiparse para dar paso ao sol. O pelotón saíu, encabezado por Iván Montero en bicicleta adaptada, do pé da Fervenza de Ézaro, en Dumbría, e encamiñouse, seguindo a costa, cara a Cee e Muxía, alcanzando, por primeira vez, Fisterra, para pasar logo por Corcubión e o alto de Ameixenda, antes de encarar a primeira subida ao Muro, final para os do roteiro curto.

Os valentes que optaron pola longa, continuaron tras o miradoiro cara ao Alto da Ruña, case simultáneo a Ézaro, e a Paxareiras, desde onde baixaron cara á praia de Carnota. Tras máis de 120 quilómetros, enfocaron de novo a rampla de formigón e o seu arrepiante desnivel para chegar á meta.

A resposta do público a este primeiro Gran Fondo Ézaro tras as restricións da pandemia estivo á altura, animando aos corredores, especialmente, na zona do Muro. Ademais dos participantes, chegados de distintos puntos de Galicia, do resto de España ou de países como Portugal, Alemaña, Luxemburgo ou Francia, a cita contou, como convidados, con tres grandes ciclistas representantes doutras tantas xeracións: Álvaro Pino, Roberto Heras e Samuel Sánchez, que repetiu a súa experiencia de 2021. Entre os grandes nomes tamén figuraban o triatleta Iván Raña ou o profesional Samuel Blanco.

A 'volta á normalidade' do Gran Fondo Ézaro –suspendido en 2020 pola pandemia e que en 2021 viviu unha edición de enfoque máis local polas restricións--, veu acompañada, de novo, do aval da UCI. Con iso, este Gran Fondo Ézaro 2022 volveu a ser puntuable para o Gran Fondo World Series deste organismo internacional, a única proba avalada para este fin en toda España.

Fonte: Gran Fondo Ézaro 

 

 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es