Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Iván Montero, un nove veces campión de España participará na Manzaneda Gran Fondo

29 DE AGOSTO DE 2023

O prazo para inscribirse remata este mércores

Ivan-Montero-un-nove-veces-campion-de-Espana-participara-na-Manzaneda-Gran-Fondo

Foto: RFEC

Carlos Canal e Delio Fernández non serán os únicos ilustres do Ciclismo Galego que este domingo formarán parte do pelotón da Manzaneda Gran Fondo. O coruñés Iván Montero, nove veces campión de España de Paraciclismo, vén de confirmar a súa preseza na primeira edición da marcha cicloturista organizada pola Federación Ciclismo Galego. O prazo para inscribirse conclúe este mércores ás 23:59 horas (fai click nesta ligazón para anotarte).

Referente do noso ciclismo polo seu palmarés e por ser todo un exemplo de superación, Iván Montero fará rodar a súa handbike polas estradas da provincia de Ourense. Esta temporada o capitán do Paraciclismo Galicia volveu lograr dous ouros no Campionato de España, impoñéndose coas cores da Selección de Galicia tanto na contra o reloxo como na proba de fondo da clase 5. O coruñés leva catro anos consecutivos facendo 'dobrete' na cita máis importante do calendario estatal e ten participado coa selección española en grandes eventos internacionais. 

A Manzaneda Gran Fondo reunirá na súa estrea a máis de 200 participantes. Esta proposta deportiva e de lecer ofrece dúas distancias para todas e todos os interesados en pedalear a través das paisaxes naturais das comarcas de Terras de Trives e Caldelas. Ambos percorridos arrancarán ás 09:30 horas dende a Estación de Montaña de Manzaneda e comparten as ascensións do Alto de Cedeira e do Suspiazo, así como o avituallamento de Chandrexa de Queixa, antes de separarse. O Gran Fondo alcanza os 127 quilómetros e o Medio Fondo, os 88 km. Tanto nunha como outra opción a liña de meta estará situada no cumio de Cabeza de Manzaneda.

imagen

A última subida que se afrontará no Gran Fondo, despois do avituallamento de Manzaneda, ten unha lonxitude de 17,5 km e un desnivel medio do 6,3%. Os derradeiros 7 km son compartidos, pero no Medio Fondo o treito inicial desa ascensión é menos esixente, polo que os 16,8 km das ramplas que conducen ata a meta quedan nun 3,4% de pendente media. 

Estes dous trazados, adaptados ao estado físico e á motivación de cada participante, transcorren por un total de sete concellos: Manzaneda, Pobra de Trives, San Xoán de Río, Castro Caldelas, A Teixeira, Montederramo e Chandrexa de Queixa. A Manzaneda Gran Fondo non é unha competición e moverase controlada por un dispositivo que garantirá a seguridade. Iso si, cada ciclista poderá poñerse a proba elixindo o ritmo que máis lle conveña no treito libre das subidas finais. 

Oferta de aloxamento

A Estación de Montaña de Manzaneda festexa a estrea deste Gran Fondo ofrecendo tarifas especiais para aloxarse. Os participantes poden aproveitarse das seguintes tarifas:

Apartamento 2 Pax.....70 euros/noite

Apartamento 4 Pax.....120 euros/noite

Apartamento 7 Pax.....190 euros/noite

Opción en Media Pensión.....+20 euros

Esta oferta inclúe piscina ou spa durante unha hora e lavabicicletas. As reservas realízanse chamando ao númerto de teléfono 988 30 90 90. 

 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es