Facebook Twitter Youtube Instagram Español

Presentación do Campionato de Galicia CRI 2024 na Pobra do Brollón

14 DE MAYO DE 2024

As coroas autonómicas de Contra o Reloxo Individual póñense en xogo este venres

Presentacion-do-Campionato-de-Galicia-CRI-2024-na-Pobra-do-Brollon

A Pobra do Brollón acollerá este venres -17 de maio- o Campionato de Galicia de Contra o Reloxo Individual 2024, organizado pola Federación Ciclismo Galego (CRI). A mesma localidade da provincia de Lugo que o ano pasado foi o escenario das dúas primeiras etapas da Volta a Galicia Elite e Sub-23 vivirá nesta ocasión a loita polas coroas autonómicas de CRI. A inscrición supera os 200 participantes.
 
A presentación deste evento tivo lugar na Casa da Cultura da Pobra do Brollón e contou coa presenza do alcalde Xosé Lois Maceda; do tenente alcalde Ricardo Rodicio; do vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro; do delegado da Xunta de Galicia na provincia de Lugo, Javier Arias; do Xefe de Servizo na provincia de Lugo da Secretaría Xeral para o Deporte, Manuel Otero; e do técnico da FCG e e seleccionado autonómico de Estrada, Jacobo Ucha. 
imagen
 
Efrén Castro explicou que "a colaboración na organización deste Campionato reforza a aposta da área de Deportes polo ciclismo como plataforma para promocionar a riqueza natural e o patrimonio das comarcas de Lugo” e destacou tamén “a contribución destas probas a impulsar o tecido afeccionado e profesional deste deporte en Lugo”.
 
Xosé Lois Maceda valorou o campionato como “unha oportunidade máis para  amosar A Pobra do Brollón de cara ao exterior e para seguir dinamizando a economía local en torno ao turismo” e subliñou “a importancia da colaboración institucional para que este tipo de eventos se celebren en concellos rurais”.
 
Pola súa banda, Javier Arias gabou o traballo da FCG na organización da proba, e destacou a colaboración do Goberno galego coa entidade a través do convenio anual que promove a Secretaría Xeral para o Deporte. Deste xeito, apuntou, achégase  financiamento para este tipo de eventos “que premian o esforzo dos deportistas e crean afección entre as novas xeracións”.
 
Categorías e percorridos
 
A competición desenvolverase ao longo da mañá, desde as 9:30 horas, cando está prevista a saída do primeiro participante. Juniors, Sub-23, Elites e Masters terán que completar un percorrido de 23,5 quilómetros, nun traxecto de ida e volta entre A Pobra do Brollón e Bóveda, pasando por Cereixa.  No caso do Paraciclismo e das categorías Infantil e Cadete, o circuíto será de 11,7 quilómetros, entre A Pobra do Brollón e Fornelas.
 
O ano pasado conquistaron en Cerceda as camisolas desta especialidade: Javier Abalde en MC5, Iván Montero en MH5, Alberto Abalde en MC2, Daniel Prada en MH3, Álvaro Illobre en MH4, Alejandra Neira e Lucas García en Cadete, María Filgueiras e Tomás Pombo en Júnior, Laura Mira e Raúl Casalderrey en Sub-23, María Jesús Barros e Xavier Meizoso en Elite, Iria Nieto nas Máster-30, Montse Constenla nas Máster-40 e María Elena Miguens nas Máster-50. 
 
Fonte: Vicepresidencia Deputación de Lugo / Xunta de Galicia 

 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es