12 DE SEPTIEMBRE DE 2025
Fotos: Asier Torrado
A segunda etapa da Volta a Galicia Elite e Sub-23 provocou este venres unha revolución na xeral. O ucraíno Maksym Bilyi (Cortizo), quinto clasificado na véspera na contra o reloxo inaugural de Ribadumia, é o novo líder dunha carreira que en Caldas de Reis exhibiu a súa cara máis cosmopolita. O italiano Leonardo Volpato (Campana Imballagi) venceu con 5 segundos de vantaxe respecto a un grupo encabezado polo portugués João Silva (Porminho) e o chileno Jose Autrán (Supermercados Froiz).
O pelotón da rolda organizada pola Federación Ciclismo Galego voou nos 138 quilómetros con saída e chegada en Caldas de Reis. A velocidade media foi de 43,9 km/h nun percorrido con catro portos de montaña de 3ª categoría. O primeiro deles, o Alto da Cruz, coroouno en cabeza o andorrano Adriá Regada (Caja Rural – Alea) e a continuación o campión de España elite José María Martín (Extremadura-Pebetero) pasou primeiro pola Meta Volante da Estrada, un dos tres esprints bonificados dunha xornada frenética.
Tardou unha hora en consolidarse unha escapada, un grupo formado por once corredores. Adriá Regada repetiu no Alto do Pontillón de Castro e João Silva levouse a Meta Volante de Caldas de Reis cando empezaban os ataques entre os fugados. A falta de 50 km, destacáronse en cabeza Adrián Lozano (Technosylva), Bernardo Cambareri (Lasal Cocinas) e Ibán Gutiérrez (Cortizo), un trío ao que se uniron dende o pelotón Marc Collell (Telco Maderas), Emilio Llopis (High Level – Gsport), Viacheslav Ivanov (Technosylva) José Autrán e Leonardo Volpato.
Lobeira e O Pousadoiro
O arxentino Cambareri levouse a Meta Volante de Barrantes e perdeu contacto cos seus compañeiro nas primeiras ramplas de Monte Lobeira, unha das dúas subidas que se atopaban dentro dos últimos 20 km. Mentres que Autrán lideraba aos sete fugados no cumio de Lobeira, o pelotón rachábase por completo tras un ataque de Bilyi ao que só puido responder Dario Giuliano (Caja-Rural Alea).
O paso por Vilagarcía exerceu de antesala do ascenso ao Pousadoiro. Antes de que os dous perseguidores contactaran coa cabeza da proba, Volpato lanzou a súa ofensiva no derradeiro porto do día e marchouse en solitario. Dende o premio da Montaña ata a meta en Caldas de Reis restaban 7 km nos que se viviu unha apaixonante persecución. O italiano, de 21 anos, aproveitou a falta de entendemento por detrás e nun final agónico ergueu os brazos.
Bilyi fixo cuarto a 5” e asaltou o primeiro posto da xeral que ocupaba o estremeño Iker Pérez. Ningún dos tres representantes do Caja Rural-Alea que na ‘crono’ asinaran unha tripla conseguiu seguir a roda do ucraíno do Cortizo, novo propietario da camisola amarela con 9” de marxe respecto a Autrán e Giuliano. O resto de clasificacións tamén cambiaron de líderes menos a de mellor galego, que continúa encabezada por Martín Rey. O maillot da Montaña pórtao Regada; o das Metas Volantes, Silva; e o de mellor Sub-23, Giuliano.
A terceira e penúltima xornada da Volta a Galicia 2025 está chamada a ser a máis decisiva. Ao pelotón Elite e Sub-23 agárdalles este sábado un percorrido para escaladores na Mariña Lucense. En 147 quilómetros, os ciclistas terán que superar catro portos de montaña e un desnivel acumulado de 2500 metros na estrea do municipio de Barreiros como anfitrioa da rolda que alcanza a súa 23ª edición.
A tirada que debería deixar practicamente sentenciada a xeral dará comezo ás 12:30 horas dende a capital do concello en dirección a Ribadeo, onde se disputará a primeira Meta Volante no km 13. A segunda chegará na Pontenova, km 45, antesala do inicio das ramplas da ascensión ao Marco de Álvare (3ª categoría), co seu cumio no km 60. Logo dun descenso moi rápido, e de circular de novo pola Pontenova, arrancará a subida a Augaxosa, que se coroa no km 91. Ese alto é de 2ª categoría, ao igual que o de Fórnea, cos puntos en xogo para a camisola da Montaña no km 102. A carreira realizará un primeiro paso pola meta de San Cosme, que no km 117 exercerá de Meta Volante, e dirixirase a Monte Comado, outro porto de 2ª categoría dende o que restarán 13 km para a conclusión, prevista a partir das 15:50 h.
CICLISMO ADAPTADO
CARRETERA
SELECCIÓNS
CARRETERA
AVISOS
CARRETERA
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es