02 DE MARZO DE 2021
Foto: Silvia Fernández Sainz
Banyoles (Girona) deu un ano máis o pistoletazo de saída á temporada internacional de Cross Country Olímpico (XCO). Un circuíto moi esixente no que estiveron algúns dos mellores especialistas do panorama mundial e que contou con dous ourensáns en competición. Pablo Rodríguez (BH Templo) foi de máis a menos durante a carreira e acabou no décimo terceiro posto e o seu compañeiro de equipo Iván Feijóo, que aínda está en categoría sub-23, no 48º. Aceptable debut para os dous bikers nunha carreira que tivo como gañador a Victor Koretzky.
O ciclista francés púxose de saída na cabeza, seguido do seu compañeiro Milan Vader, pero na mesma volta inicial Carlos Coloma tomou o mando e situouse primeiro. Posteriormente, o biker rioxano tivo problemas e acabou abandonando.
Vlad Dascalu foi o primeiro en tensar a carreira. O romanés rompeu o grupo e fixo a primeira criba importante da xornada con Vader, Luca Braidot, Victor Koreztky, Thomas Litscher, Maxime Marotte e David Valero no grupo. Pablo Rodríguez tamén estaba con pernas e mantíñase sen problemas no grupo dos mellores. Todas as caras eran coñecidas das probas da Copa do Mundo.
Braidot e Vader probaron fortuna e soltaron outro ataque que acabou de desperdigar a carreira en pequenos grupos. Só Koretzky aguantaba o ritmo sen perdelos de vista e tras el viñan o seu compañeiro de equipo Litscher e Dascalu.
Unha picada acabou coas opcións de Vader e a carreira recolocou posicións con Koretzky xa á fronte e Braidot, Litscher e Valero como alternativas á vitoria. Un grupo ao que se acabaron sumando corredores como Marotte e Dascalu.
Rodríguez íase deixando segundos aos poucos coa cabeza da proba e outro español, Jofre Cullell, estaba tamén na zona intermedia de carreira. Feijóo transitaba máis atrasado coas dúas últimas voltas por disputarse.
Na estratexia final, Valero buscou romper co grupo e encabezou a carreira, pero Koretzky foi o máis forte e acabou gañando con suficiencia por diante do seu compañeiro Litscher e de Valero.
Cullell foi o segundo español mellor clasificado, no décimo posto, e tres por detrás entrou Rodríguez asinando o seu primeiro resultado dun ano no que aspira a competir nos Xogos Olímpicos. “Carreira moi rápida cun nivel de corredores altísimo e boas sensacións neste inicio da temporada. Este é o bo camiño”, comentou o biker de Maceda nas redes sociais. Pola súa banda, o alaricano Feijoo cumpriu sen problemas no seu regreso ao BTT e cruzou a meta no posto 48.
Fonte: La Región
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
FORMACIÓN
BTT
BTT
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es