05 DE JULIO DE 2025
A canteira do Cross Country Olímpico na nosa comunidade amosou a súa puxanza este sábado no Campionato de España Escolar. A Selección de Galicia de XCO revalidou o título por equipos Infantil masculino, os cuartetos femininos Cadete e Infantil obtiveron os subcampionatos e a cadete Nerea Soto conseguiu o mellor resultado no plano individual ao cruzar na terceira posición a liña de meta do circuíto Paraje del Carrasco, en Tarazona de la Mancha (Albacete). Un botín de catro medallas que pon en valor o sensacional traballo coa base realizado polos clubs galegos.
A carreira cadete femenina disputouse a catro voltas nun trazado de 2,2 quilómetros e ata os metros finais a ponteareá Nerea Soto pugnou pola segunda posición. A corredora do Lynalfa-Ponteareas esprintou pola prata con Gisela Herrero e a representante de Castilla y León entrou por diante. Este dúo concluíu a 37 segundos da gañadora Laia Rodríguez (Catalunya).
Entre as dez primeiras tamén se clasificou Iris Santana, na novena posición. Xiana Seijo (14ª) e Carla Hermida (26ª) foron as outras dúas compoñentes do cuarteto dirixido polo seleccionador Alberto del Río que logrou o terceiro posto por equipos. A vitoria correspondeu a Catalunya e a terceira praza, á Comunitat Valenciana.
Ao máis alto do podio subiron os catro bikers da Selección de Breogán Infantil Masculina. Cunha actuación na que Mateo Hermida finalizou os tres xiros ao circuíto na sexta posición, Jose Manuel Rouco na oitava, Sergio Villaverde na 11ª e Hugo Rodríguez na 12ª, Galicia repetiu o éxito logrado o ano pasado en Avilés (Asturias). Catalunya, segunda, e a Comunidad de Madrid, terceira, escoltaron na entrega de premios á comunidade campioa de España.
Un segundo título acariciárono as infantís. A nosa Selección empatou no cómputo dos postos individuais ao remate das tres voltas coa Comunidad de Madrid, que se fixo co ouro ao contar nas súas filas coa vencedora individual Candela Martínez. A sétima clasificada Jimena Novo, a 14ª Lara Fernández, a 15ª Marta Utrera e a 37ª Uxía Giráldez recibiron as medalla de prata. O conxunto anfitrión, Castilla-La Mancha, quedou cos metais de bronce.
O gran balance de Galicia no XCO de Tarazona de la Mancha completouse coa quinta praza por equipos dos cadetes. Arón Gómez, pechando o top-10 na décima posición, encabezou despois de cinco voltas ao circuíto a un combinado no que Guillermo García terminou 19º, Pedro Cidrás 25º e Lucas Lozano 44º.
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
SELECCIÓNS
R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es