Facebook Twitter Youtube Instagram Español

O V Trofeo Federación DHI - Manzaneda Bike Park pechou a Copa de España con dez galegos no podio

25 DE JULIO DE 2023

O terceiro posto elite-sub23 de Francisco Vilaboa (Singletrack) sobresaíu na actuación dos riders da nosa comunidade na estación de montaña ourensá

O-V-Trofeo-Federacion-DHI---Manzaneda-Bike-Park-pechou-a-Copa-de-Espana-con-dez-galegos-no-podio

Tres centenares de riders converteron á Estación de Montaña de Manzaneda na capital do Descenso estatal durante a fin de semana. O II Mini DH Manzaneda Bike Park e o V Trofeo Federación DHI - Manzaneda Bike Park, dous eventos organizados pola Federación Ciclismo Galego (FCG), ofreceron espectáculo e emocións fortes nas instalacións do complexo turístico ourensá. A cita da Copa de España encargouse de baixar o pano do seu calendario con dez representantes da nosa comunidade asinando postos de podio.

A cuarta e última xornada do circuíto de probas coordinado pola Real Federación Española de Ciclismo (RFEC) disputouse o domingo e reuniu a 180 participantes. O mellor rexistro da final correspondeu a Édgar Carballo (Vadebicis), que detivo o reloxo en 2:17,902. O canario bateu por 2,5 segundos ao vasco Yelco Romero (Baskonia), ambos da categoría elite-sub23, e o terceiro posto scratch logrouno o júnior madrileño Daniel Castellanos (Planet MTB), a 3,5" do gañador absoluto. 

O quinto rider máis rápido entre os 180 participantes foi o galego Francisco Vilaboa (Singletrack) -cunha marca de 2:23,492-. Esta actuación outorgoulle o terceiro chanzo do caixón elite-sub23 ao rematar xusto por diante do madrileño Orion Kirchmayer (101% DH), que chegaba como líder da xeral e certificou o título en Manzaneda. Entre os dez primeiros da categoría raíña masculina metéronse outros dous corredores da nosa autonomía: Kevin Méndez (Rocasport Giant) fixo sexto e Marco Veiga (CiclosQuintena), noveno. 

Nos dous grupos de idade de promesas os galegos estiveron implicados na loita por ser terceiros. Rubén Temprano (Komanche) conseguiuno nos cadetes, superando a Xurxo Campos (Monteneme) e a Yerai Peláez (Coruxo), cuarto e quinto respectivamente. Ás portas do podio, concretamente a menos de 1", quedou André Martínez (Avanza-O Porriño) nos juniors. Clasificouse cuarto, un posto por riba de Héctor Quinteiro (Pontebike).

En canto ás categorías Máster, Iván Mourelo (DH Galicia) impúxose nos máster-30 levándose o man a man co andaluz Moisés Navarrete (Enduriders), vencedor da Copa de España. A camisola do certame estatal tamén a luciu o catalán Manel Arasa (Or Bikes) nos máster-40, o rider ao que escoltaron Miguel Ángel Pintos (Coruxo), segundo clasificado a 2,2" do gañador, e José Montenegro (Moto Bike), terceiro a 2,5" do primeiro posto. Unha situación similar deuse nos máster-50. O valenciano Jacobo Santana (BMX Alcoy), líder da Copa, marcou o mellor tempo por diante de dous galegos. Rebaixou en 13,7" o rexistro de Ricardo Escudero (Poio Bike) en en 14,7" o de Adolfo Gallego (Singletrack).

 

Os tres podios femininos do noso Descenso tiveron premio dobre. Arantxa Gómez (OsdoSacho) e Alexia Santervas (A Forna), segunda e terceira cadete respectivamente, ascenderon a esas mesmas prazas na xeral da Copa de España, dominada pola triunfadora en Manzaneda, a andaluza Laura Márquez (Planet MTB). Directamente no máis alto do ranking do seu grupo de idade irrompeu Lorena Castro (VigoEnduro) grazas ao seu triunfo nas máster-30.

A condición de raíña scratch da xornada acadouna por segundo ano consecutivo a madrileña Zoe Zamora (101% DH), que afrontou esta proba co título elite-sub23 da Copa no peto. A gañadora do Trofeo Federación DHI - Manzaneda Bike Park no 2022 dobregou nesta ocasión por 1,8" á asturiana Cristina Menéndez (Cuetos Bike), tamén elite-sub23, e por algo menos de 4" á júnior Kira Zamora (Zamora (101% DH). Gemma Chapela (VK Bikes), a mellor galega elite-sub23, terminou quinta na súa categoría, seguida por outras tres riders da nosa comunidade como son Uxía Álvarez (Coruxo) -sexta-, Desiree Fernández (Ribadumia) -sétima- e Alejandra Chapela (VK Bikes) -oitava-. 

A cerimonia de clausura deste evento e, a súa vez, da Copa de España 2023 contou coa presenza de Víctor Picos, director da Estación de Montaña de Manzaneda; de Patricia Domínguez, alcaldesa da Pobra de Trives; de Antonio Núñez, tenente alcalde de Manzaneda; de Fermín Santoveña, concelleiro de Deportes da Pobra de Trives; e de Juan Carlos Muñiz e de David Carrillo, presidente e secretario da FCG. 

Mini DH

 O programa desta fin de semana de Descenso na Serra de Queixa arrancara o sábado coa segunda edición do Mini DH Manzaneda Bike Park. Cun total de 120 inscritos celebrouse a segunda proba do calendario autonómico desta especialidade do BTT para as categorías de Escolas. As rapazas e os rapaces alevíns e infantís que queiran volver desfrutar no Manzaneda Bike Park da man da FCG poderán facelo do 4 ao 6 de agosto no Campus Mini DH Ciclismo Galego by Eva Castro

 

Clasificacións Trofeo Federación

Clasificacións Mini DH

GALERÍA DE FOTOS

O V Trofeo Federación DHI - Manzaneda Bike Park pechou a Copa de España con dez galegos no podio
O V Trofeo Federación DHI - Manzaneda Bike Park pechou a Copa de España con dez galegos no podio
O V Trofeo Federación DHI - Manzaneda Bike Park pechou a Copa de España con dez galegos no podio
O V Trofeo Federación DHI - Manzaneda Bike Park pechou a Copa de España con dez galegos no podio
O V Trofeo Federación DHI - Manzaneda Bike Park pechou a Copa de España con dez galegos no podio
O V Trofeo Federación DHI - Manzaneda Bike Park pechou a Copa de España con dez galegos no podio
O V Trofeo Federación DHI - Manzaneda Bike Park pechou a Copa de España con dez galegos no podio
O V Trofeo Federación DHI - Manzaneda Bike Park pechou a Copa de España con dez galegos no podio
O V Trofeo Federación DHI - Manzaneda Bike Park pechou a Copa de España con dez galegos no podio
 

R/ Fotógrafo Luís Ksado, 17
36209 Vigo (Pontevedra)
Tel.: 986.22.41.58
federacion@fgalegaciclismo.es